Sensibilidade ambiental

O substantivo feminino sensibilidade indica esa facultade propia dos seres vivos de percibir os estímulos producidos polas cousas e de reaccionar de xeito adecuado. Tamén é opción da capacidade propia do ser humano que fai experimentar sensacións de afecto, compaixón, emoción e consecuentemente de respecto; e mesmo da capacidade para expresar a beleza, a harmonía e outras actitudes de valores positivos. O antedito é na súa definición teórica. Vista a práctica a respecto do medio ambiente natural é obvio que o dicionario non acredita verdade. Non. Todo o contrario. Mágoa diso. Aínda así, ao xeito deses xogos verbais que adoitamos asimilar á ironía vasca, sempre contamos cunha boa noticia que vai en parella a outra mal. É o principio fundamental da filosofía chinesa que parte de que todas as cousas existen como opostos inseparábeis e contraditorios; de tal xeito que o ben e o mal teñen a mesma dimensión. Traído á nosa filosofía refraneira galega: Unha perna tapa á outra.


A boa nova, sen dúbida algunha aínda que teña os seus defectos, é a decisión de reducir de xeito moi importante a presenza de persoas, do colectivo de turismo masificado, que visitan cada ano a cidade de Venecia, gravemente deteriorada polo efecto demoledor desa riada humana ata o punto de pór en perigo o seu propio futuro como a cidade que é, unha xoia do Patrimonio da Humanidade así incluída no catálogo da UNESCO. Para iso, só precisan dunha decisión política, a de impor una taxa para ser visitada por xente que o fai puntualmente, e crear un aforo limitado de número máximo de visitas por día. Meu dito, meu feito; aínda que non chove a gusto de todos. Para o irreversíbel ocaso medio ambiental deste entorno urbano e natural, freo e marcha atrás.


Máis preto de nós, aínda que fora do territorio limitado polo protector Muro de Grelos que nos separa da meseta central, a mortaldade da fauna mariña no Mar Menor murciano que por esta vía da contaminación causada polos residuos tóxicos guindado ao medio mariño a partir da colonización de antigas terras de secaño hoxe en día convertida en hortas de regadío, sumado o proceso de quentamento das augas e a tamén invasión turística da zona fai que, por este camiño, vai imparábel a converterse nun mar morto. Comportamentos que levan ao desastre.


Velaí á necesidade de pular pola creación dunha conciencia ambiental mediante políticas que pulen pola sensibilización e implicación de cada unha das persoas coa finalidade de modificar os hábitos de comportamento e consumo, e acadar así a preservación do medio natural de vida.

Sensibilidade ambiental

Te puede interesar