Decisión, xa se verá!

|

Ahora de tomar a decisión ten medo, está acovardado, encollido e sen capacidade para mirar de fronte, sen poder e sen saber. Acórdase de Kafka e reflexiona serenamente, abandona a desesperación e agarda, confiando na certeza de Platón, “unha boa decisión está baseada en coñecementos, en información, na captura de saberes”. Que difícil decidir! Que medo, meu amigo, se hai que tomar decisións que afectan ás maiorías ou aos outros.


E na contorna vivencial, quen toma as decisións importantes? Todos queren que se tomen as mellores decisións, as que aporten felicidade, desenvolvemento, comprensión e razón, aquelas que contribúan a agrandar a capacidade de decidir, de tal forma que se a decisión é do agrado de todos, xa non hai máis que falar. E, se non? Moito nos gustaría que alguén tivera a capacidade de decidir e decidira cambiar o mundo para mellor.


Anda a neurociencia facendo advertencias e insinuando que moitas das decisións son froito das emocións e motivadas polas crenzas e as conviccións de quen as toma. A Tía Manuela tamén reclama prudencia, atención e respecto a todos aqueles que serán afectados pola resolución que se adopte, sexa importante ou menos importante.


Os labregos e os mariñeiros tomaban decisións mirando para o ceo, a experiencia axudáballes a escoller camiño, dáballes seguridade e confianza. Acertaban case sempre. E, se non acertaban, ían todos na mesma dirección rectificando, cando se podía corrixir ou emendar. Os gobernos non. Non sabemos cales son os criterios nos que se basean para a súa toma de decisións, non sabemos se os teñen, nin sabemos 

nada da súa planificación. Poida que zarandeen as ideas como os paisanos cribaban o trigo do país.


Cando os valores prevalecen e as ideas están claras e ordenadas é máis doado, moito máis fácil, tomar decisións. Se hai que escoller ou elixir, a toma de decisión acada relevancia e a elección marcará o futuro, tanto no campo profesional como no persoal, a curto, a medio e a longo prazo. Se acaso, de por vida. 


Efectivamente, prezados lectores, cómpre firmeza nas decisións, que deben asociar as accións a desenvolver coa situación na que se producen. De que vou escribir hoxe? E, mañá, que facemos? Aí estaban dúas cuestións. Sobre a primeira xa houbo determinación, a segunda agarda por unha resolución colectiva. Algo faremos, xa se verá!

Decisión, xa se verá!