Feed The Pet e Bang 74 estrean hoxe o palco Andrés do Barro no Inferniño

Feed The Pet e Bang 74 estrean hoxe o palco Andrés do Barro no Inferniño
A cantante pontesa Sabela Ramil durante o concerto ofrecido onte na Praza de Armas de Ferrol | daniel alexandre

A quinta xornada do programa de Festas de Verán de Ferrol virá marcada hoxe de novo pola música. O escenario da Praza da Armas acollerá ás 19.30 horas o concerto didáctico dramatizado “A música das buguinas”, a nova produción de Mamá Cabra escrita e dirixida por Pepablo Patinho, do grupo de teatro naronés Ghazafelhos.


A cantante de Mamá Cabra, Gloria Mosquera, está ademais acompañada nesta nova montaxe por dous músicos feneses de recoñecido prestixio e longa traxectoria musical, Daniel Bellón e Diego Maceiras, que forman o dúo BellonMaceiras.


Nesta proposta, dirixida ao público familiar, os asistentes irán descubrindo a música tradicional, os seus instrumentos máis característicos, así como “a vestimenta e a importancia de que un pobo cante”, a través da historia de Roque, un neno que vive en Moeche.


Bandas da zona

Doutra banda, ás 20.30 horas terá lugar a primeira das dúas sesións programadas na Praza do Inferniño coa participación de catro bandas da zona que participaron no disco homenaxe a Andrés do Barro e que achegarán a súa música ao devandito barrio ferrolán.


Hoxe será a quenda para Feed the Pet e as súas harmonías envolventes con reminiscencias dos 90, e Bang 74 e súa fusión de power pop, punk-rock e hi-energy. A primeira das formacións, integrada por músicos de Klüte e Nkip Diolf, teñen claras influencias de grupos como Lemonheads, Last Days of April ou Nada Surf. Nas súas cancións destacan as melodías e os xogos coas intensidades.


Bang 74, pola súa banda, xorde en Ferrol no ano 2004. Roge Arias (voz e guitarra), Cris Veiga (voz e guitarra), Fran Millarengo (baixo) e Óscar Millarengo (batería) forman unha banda que tras un parón de cinco anos, regresou a escena en 2020 co seu segundo longa duración “Let It Drift”.


Mañá, á mesma hora, tomarán o escenario Willie&Winnie e Faltriqueira. O dúo formado por Elise Denise (voz) e Andy Bill (voz e guitarra) levarán á praza ferrolá “o seu son traballado recuberto de escuridade”, mentres que as integrantes do grupo eumés sorprenderán unha vez máis coas súas polifonías inspiradas na música tradicional.


Onte aínda era posible reservar entradas para asistir a estes espectáculos, polo que as persoas interesadas poden facelo a través da plataforma Ataquilla.


Sabela: “Decidín centrar toda a miña enerxía na música porque sentín que era o momento”


A súa música transita entre os camiños máis íntimos e delicados ata aqueles marcados pola intensidade e a explosión de enerxía. Así é Sabela Ramil a nivel artístico e así o reflicte sobre o escenario. Onte subiuse ao da Praza de Armas para deleitar ao público cos temas do seu álbum debut, “Despedida”, e algún avance do que será o seu novo traballo. “En setembro meterémonos no estudio a producir os temas e iremos vendo como vai isto da pandemia para ver como afrontamos o seu lanzamento”, adianta.


A artista pontesa, que en 2018 rematou como cuarta finalista de Operación Triunfo, falou con nós horas antes da súa actuación no marco da festas de Ferrol, cidade na que cursou o seus estudos de clarinete, como alumna do Conservatorio Xan Viaño. Graduada en Terapia Ocupacional, ámbito no que exerceu antes do seu ingreso na famosa academia de OT, decidiu centrar “todos os seus esforzos, enerxía e medios na música porque supoño que sentín que era o momento de facelo”, conta. Di que estes tres últimos anos foron moi intensos para ela, “como unha montaña rusa; subir e baixar todo o tempo. Agora é como que tamén empezo a acougar un pouco as cousas e ás veces pásame factura, porque paréceme incrible todo o que pasou nestes tres anos”, comenta. “Ao principio foi un cambio bastante forte, tras saír de OT foi un cambio de vida moi grande, vas movéndote por mundos que non coñecías pero o resultado, en resumo, é moi positivo; se non, non seguiría aquí”, salienta. “Despedida” inclúe sete temas, dous deles en galego. “Cantar en galego forma parte de min, da miña historia, da miña carreira tanto artística como persoal. Sáeme compoñer nas dúas linguas; non sería eu se o fixera só en castelán”, asegura.


Nada en Ourol (1993), Sabela Ramil criouse nas Pontes. As súas primeiras lembranzas arredor da música están vinculadas ao seu tío Luis, que era músico, ao que lle encantaba escoitar cando ensaiaba. “El tocaba, e miña curmá e miña madriña tamén, e eu empecei a tocar o clarinete porque me gustaba ese instrumento e, cando o vía tocar, encantábame e penso que aí naceu todo o tema do meu interese pola música e logo xa vas medrando, estudando, descubrindo novas músicas e nova xente, pero eu creo que a raíz de todo é esa”, conclúe.

Feed The Pet e Bang 74 estrean hoxe o palco Andrés do Barro no Inferniño

Te puede interesar