Afganistán: moito máis que un fracaso militar

A desastrosa retirada dos Estados Unidos e a OTAN, que ocupaban o país dende hai dúas décadas, deixa en evidencia o fracaso dos métodos imperialistas para subordinar os países aos seus intereses, malia que as potencias occidentais se expandisen coa caída da Unión Soviética. Os acordos de Doha asinados por Trump, coa amnistía a 5.000 presos e a aceptación dos talibáns, foron un recoñecemento de que non abondaba coa forza militar e fortes investimentos económicos cando van unidos á corrupción, represión, unha economía precaria e dependente e formas culturais importadas.


A rapidez coa que os talibáns tomaron todas as capitais de provincia e Cabul, esvaéndose un exército de 300.000 homes con armamento moderno amosa agora a fraxilidade das estruturas construídas e a razón pola que lles foron doados os pactos cos señores da guerra locais. Agora ben, os Estados Unidos e as potencias occidentais teñen hoxe moitos máis mecanismos económicos e políticos de intervención e bloqueo exterior que hai dúas décadas, condicionando o futuro goberno dos reaccionarios talibáns. Agora ben, a saída precipitada, a “entrega” de tanto material bélico aos xihadistas, e o dramatismo da situación no aeroporto dos que colaboraron coa ocupación, ficará gravada na retina de todo o mundo como o fracaso das potencias occidentais.


Esta derrota simbólica non é secundaria porque se suma á desfeita ecolóxica, ao medre da desigualdade e precariedade no mundo, á confrontación cada vez máis forte entre potencias. E malia o inmenso control dos grandes medios e dos grandes avances científico técnicos, a globalización neoliberal, como modelo económico e social desta etapa do capital, amosou non só os seus límites, senón o seu carácter destrutivo. E, as rectificacións que se propoñen non serán abondo, porque no esencial están ao servizo da centralización e concentración da riqueza e do poder.


Respecto do futuro en Afganistán, aínda non está todo dito. Faranse co control de todo o país ou a oposición, como sucede en Panshir, collerá pulo e abrirá novas frontes, consolidando unha situación de inestabilidade. Contará a oposición armada con apoio externo? Se os talibáns controlan efectivamente todo ou a maior parte do país buscarán acordos con potencias externas para recuperar a actividade económica e fortalecer así as alianzas cos xefes locais? Que papel xogará Paquistán? Tendo en conta os antecedentes, ate que punto os talibáns farán unha lectura da heterodoxa da sharía para ampliar a base social? Moitos futuros escenarios posíbeis e uns antecedentes para tremer.

Afganistán: moito máis que un fracaso militar

Te puede interesar