Reencontro con Alfredo Guisado

|

Hai ben anos que tomei contacto coa figura do poeta portugués, portu-galego ou galego-portugués Alfredo Pedro Guisado. Pensoque debeu ser, a mediados dos setenta, nas páxinas da revista Grial, concretamente na recensión, “Alfredo Guisado e o seu ‘Tempo de Orpheu’” (1972), que Xosé Landeira Yrago fixo da edición do libro de versos de Guisado Tempo de Orfeu (1915-1918) (1969), cun estudo introdutorio do coñecido profesor, novelista e militante do Partido Comunista Portugués Urbano Tavares Rodrigues. Recordo que esa nota crítica de Landeira me abrira algunhas portas, porque nesa altura aínda non estudara literatura portuguesa e coñecíaa pouco. O que si recordo ben é cando vin por primeira vez Xente d’a aldea. Versos Gallegos, o libriño escrito no noso idioma por Guisado, publicado en Lisboa en 1921, cunha fermosa e chamativa portada de Castelao. Foi nunha versión fotocopiada que me amosou o profesor e amigo José Luís Rodríguez, por volta de 1977, no tempo en que compartimos despacho na Facultade de Filoloxía sita en Mazarelos.


Como a obra tiña o seu o aquel, unha década despois Carlos Paulo Martínez Pereiro e mais eu preparamos unha comunicación para presentar no “II Congresso Internacional da Língua Galego-Portuguesa na Galiza”, que, organizado pola AGAL, tivo lugar en Ourense en 1989. Hai poucos días moito desfrutei coa lectura de Alfredo Guisado / Xente d’a Aldea e outros textos das orixes, obra preparada por Carlos Pazos-Justo, profesor da Universidade do Minho, o mellor coñecedor, sen dúbida ningunha, da obra do poeta compañeiro de Pessoa, Mário de Sá-Carneiro, Almada Negreiros... no grupo da revista Orpheu.


Carlos Pazos-Justo xa nos brindara estudos esenciais para quen se quixer familiarizar coa figura de Alfredo Pedro Guisado e co seu tempo. Velaí están Trajectória de Alfredo Guisado e a sua relação com a Galiza (1910-1921) (2010), estudo co que gañou o Premio Ricardo Carvalho Calero de Investigación Lingüística de 2009 e, sobre todo, Relações culturais intersistémicas no espaço ibérico. O caso da trajetória de Alfredo Guisado (1910-1930) (2015), que, en esencia, foi a Tese de Doutoramento en Ciências da Cultura, que, en 2013, defendeu na Universidade do Minho. Elias J. Torres Feijó, benquerido amigo e colega, foi codirector da mesma.


Alfredo Guisado / Xente d’a Aldea e outros textos das orixes foi editada polo Concello de Ponteareas e a Deputación de Pontevedra. Como é sabido, o pai de Guisado era ponteareán emigrado a Lisboa, onde naceu o poeta do grupo Orpheu. Trátase nunha edición non venal, o que dificulta o acceso á mesma, xa que este tipo de publicacións institucionais non adoitan ter boa distribución. Unha mágoa neste caso, porque nas páxinas desta última obra do profesor redondelán atópase recollida unha ampla e atinada escolla de escritos literarios, en verso e en prosa, publicados polo autor en diferentes publicacións periódicas, nomeadamente o semanario ponteareán El Tea, fundado e dirixido polo coñecido avogado, agrarista e republicano, Amado Garra. Nunha introdución, ao meu entender, modélica, Carlos Pazos introduce os lectores no mundo que rodeou a vida do autor nos diferentes ámbitos nos que se desenvolveu (familiar, social, político, literario...), moi ben acompañada de ilustracións, de diverso tipo, que facilitan esa visión. Unha obra para deleitarse. Recoméndolles que non a perdan.

Reencontro con Alfredo Guisado