Do indecente

|

Afganistán novamente no ollo do furacán. Trala retirada da presenza estadounidense, o país é un auténtico caos e os dramas humanitarios non fixeron máis que empezar. As agardadas declaracións do Presidente Biden, foron afiadas coma gumes de coitelos. Manifestou que a súa función non era establecer unha democracia nin mellorar a calidade de vida, tan só evitar que houbera atentados contra os EEUU dende ese territorio. É dunha indecencia, construída cunha contundencia tan radical, que sorprende e desanima. Xa nin lle foi necesario inventarse unha escusa para disimular unha decisión de tal calibre. 


Actuou coa prepotencia de quen se sabe sen rival no xogo da xeopolítica internacional. Sen coordinación nin aviso previo e desentendéndose das consecuencias. Europa, coma sempre, chega tarde. E cando o faga, veremos con que forza e con que unidade actúa. Afganistán é un polvorín permanente, e as purgas, as persecucións a desafectos ao réxime e o control da sociedade, está xa instalado. É precisa a presión internacional para, por encima de intereses económicos na zona de China e Rusia, loitar por garantir a defensa da sociedade civil. Non pode xustificarse a imposición dun réxime baseado na discriminación das mulleres, nin a admisión da eliminación total dos seus dereitos. Nin tan sequera obedecendo, supostamente, á aplicación duns malinterpretados postulados relixiosos. A urxencia da implicación internacional medra con cada día que pasa, e as imaxes que contemplamos asentan a gravidade da situación. En España Vox acusan ao “consenso progre” de discriminación sangrante por preocuparse das mulleres afganas e non dos homes que poden ser executados coa chegada dos talibáns. Ata na indecencia existen graos e niveis, pero hai cousas que dan noxo, arrepían e escapan de calquera lóxica humanitaria e do sentido común.


Teño a voz conmovida de quererte –dixo El– esa relixión íntima de compartir o credo da memoria. Teño de ti un universo de estrelas e tenrura...

Do indecente