Cariño volve converterse na capital do teatro galego coa XLIII edición da súa Mostra

Inauguración, coa entrega do premio do público infantil do ano pasado | cedida
|

A Mostra de Teatro Galego de Cariño cóntase, con Ribadavia, entre as máis antigas do país, e é a que acumula máis edicións, chegando esta ano á súa cadraxésimo terceira convocatoria. Desde onte e ata o día 20 sucederanse as actuacións na rúa e no teatro, para nenos e para adultos, nunha senlleira celebración que principiou onte á mañá co pasarrúas “Barcos do Ortegal”, de Barafunda Animación, acompañados coa música de Os Bregadiers.

Pola tarde, no Campín, celebrouse o acto oficial de apertura, con presenza do alcalde, Miguel Alonso Pumar, e do representante da SGAE, Santiago Cortegoso. Ademais, entregouse o premio do público infantil da edición do ano pasado. Foi para Teatro do Andamio con “O sal do mar e outros contos mariñeiros”. O dos adultos, á compañía Chapitô, pola obra “Electra”, entregarase noutras datas.

Como peche desta primeira xornada actuou a compañía Nova Galega de Danza, que presentou o seu espectáculo “Leira”.


Axenda


A programación desta semana ábrese hoxe pola mañá cunha proposta para público infantil. Trátase de “Carapuchiña no faiado”, de Teatro do Andamio. Está indicada a partir de tres anos. Será ás 12.00 horas no auditorio, con entrada a un euro e aforo reducido.

O público infantil será o protagonista polas mañás, mañá con “Voa, voa!”, de Talía Teatro; o mércores con “Ningures”, de Teatro ó Cubo; o xoves con “Rubicundo”, de Ghazafelhos; e o venres coa función “Quixote”, de Pedras de Cartón. 

Cariño volve converterse na capital do teatro galego coa XLIII edición da súa Mostra