¿Un verán calmado?

Parece que nos están a vender esta posibilidade malia ver un horizonte aínda con nubes que presaxian chuviscada. Salvar o sector turístico e a economía do país, é o que nos queren transmitiren . Os números de contaxios non dan pe para caer no optimismo e as cousas aínda non están para troulas con algunhas comunidades a piques de entraren de novo en situación de emerxencia.


Certo que xa somos un número importante de persoas vacinadas e as Comunidades están xestionando o das vacinas como cren convinte. Con todo hai cousas que non concordan na suposta boa xestión. Vaia un exemplo: teño unha amiga que reside en Madrid que chegou a Galicia de vacacións. Ao pouco de vire recibe un aviso de cita para vacinarse e non podendo solucionar aquí este tema vese na obriga de regresar a Madrid. A min isto paréceme surrealista. ¿Que pasa? ¿se lle poñen a vacina aquí existe a posibilidade de que un galego quede sen ela por falta de existencias? ¿Estamos falando en serio? porque si é así, apaga e ímonos. ¿Os que non están vacinados que non se movan do seu lugar de orixe confinados ata estaren vacinados?


Sendo así só circularía polo proceloso camiño desta pandemia sen resolver, a xente do Inserso con certificado.


Resulta difícil crer que non hai suficientes vacinas. Si non hai doses dabondo é froito dunha mala xestión na previsión que fan as dezasete taifas, cada unha operando ao seu xeito. As vacinas compradas pola Xunta, polo que se ve, son para uso exclusivo dos galegos sen que haxa un pequeno remanente para casos como os da miña amiga madrileña. A coordinación entre as Autonomías en asuntos sanitarios como este é fundamental co gallo de dar cobertura a toda a cidadanía do Estado. Mal andamos se negamos aquí unha vacina a un cidadán andaluz pensando que pode quedar sen ela un nativo galego. Mal andamos.


Entrementres ocupados co das vacinas, en certos sectores da mocidade vese un desleixo total no concerninte as precaucións. A incidencia dos contaxios así o demostra, contaxios producidos pola irresponsabilidade de volveren ás festas multitudinarias como se aquí non pasara nada. Algúns carecen de sentidiño no afán de acadaren un verano feliz malia non estar resolto de todo o problema. Por moito que 

insistamos, polo de agora non vai ser doado volver á situación de antes da pandemia.


E logo está o dos certificados de vacinación que ben nolos puideron dar cando nos vacinamos, digo eu. E a seguir navegando ¿calmados? sobre esta quinta vaga.

¿Un verán calmado?

Te puede interesar