Xaquín Marín

Nestes tempos que corren, hipersaturados diariamente de malas novas, resulta verdadeiramente gratificante recibir algunha boa. Do carácter ou dimensión que se quixer, mais que lle alegre a un a vidiña. Alegría foi a que sentín cando me enterei, no noso Diario, da concesión a Xaquín Marín do XII Premio “Rosalía de Castro” de Lingua convocado pola Deputación da Coruña para premiar unha “traxectoria na promoción e dignificación da lingua galega”. Galardón que me parece máis que merecido. Porque, certamente, non é doado achar, entre nós, unha persoa con máis méritos para recibir un premio como este.


Eu, cando menos, non a vexo. Si vexo, pola contra, que Xaquín ten tras de si unha carreira, tan longa como frutífera, na defensa do idioma e do país que iniciou, hai agora medio século, na revista Chan, que, en Madrid, dirixía o sempre lembrado Borobó, con quen, anos despois, tiven a fortuna de me relacionar amicalmente.


Cantas cousas teño aprendido con el e canto teño desfrutado. No tránsito dos sesenta aos setenta frecuentaba eu a desaparecida Auto-escola Suárez, na praza do Inferniño. Alí foi onde me convertín en lector de Chan, pois Sixto Suárez, que se encargaba da xestoría, era subscritor da revista. E foi no quincenario onde batín con Xaquín Marín e aquela súa historia de humor negro, en cinco viñetas, “O emigrante”, que me quedou gravada. Semelloume cousa dun fóra de serie, que é a consideración que hoxe me segue merecendo, despois de medio século de seguilo con todo interese e fervor.


Algúns anos despois tiven a sorte de coñecelo persoalmente -na compaña de Vicente Araguas-, na súa casa fenesa, ao pé da Fonte do Campo, onde o martes pasado lle entregaron o antedito premio“Rosalía de Castro”.


Foi noutra revista madrileña La Codorniz -subtitulada La revista más audaz, para el lector más inteligente-, dirixida por Álvaro de Laiglesia, onde comezou a publicar os pés pisoteando xente, unha das viñetas que lle darían máis e merecida sona. Nomeadamente a partir da súa publicación, xa en galego, nas páxinas de Teima e d’A Nosa Terra. Nesta segunda publicacion apareceron baixo a denominación de “Historias de esmagados”.


A Nosa Terra acolleu tamén o Don Augusto -ás veces coa presenza de seu fillo José Luís-, personaxe a quen pertece un dos pés esmagadores, que viña sendo un continuador do Don Carcundio que dera a coñecer en La Codorniz.


E xunto a eles estiveron outras personaxes, das que de ningún xeito somos quen de nos esquecer, como o Gaspariño, tantos anos nas páxinas de El Ideal Gallego; o Caitano de Teima ou o Isolino, diariamente en La Voz de Galicia desde hai 15 anos.


Toda unha historia da nación, no idioma da nación e con amplas alusións á súa bastante calamitosa situación.


Lamentei non poder estar o outro día en Fene, por mor das restricións e complicacións debidas á covid. Mais, nestas liñas, quero darche todos os parabéns, e máis que houbera, vello e admirado amigo.

Xaquín Marín

Te puede interesar