O noso Día Nacional

Acredito que todas as persoas somos cidadás do mundo. Mais, como xa escrebín hai anos nestas páxinas, o patriotismo non bate co universalismo, Para sermos persoas precisamos raíces e para pensarmos globalmente precisamos actuar localmente. Somos europeos e cidadáns e cidadás do mundo por sermos galegos.


Dixen cidadanía. A Patria, ou Matria é un proxecto cívico, unha vontade colectiva e dinámica non pechada nas esencias. Mais definirmos dende a vontade de sermos Nación no canto de facelo dacordo cunhas supostas esencias definidas hai cen anos non quita para que avaliemos en todo o seu significado o que fixeron polo País os nosos devanceiros, ao lle dotar a unha Terra derrotada e sometida en tantas ocasións (incorporación do Reino de Galicia ao de Castela no 1230, derrotas do partido galego a prol da independencia e da unidade con Portugal nos 1369 e 1374, doma e castración do Reino de Galicia pola raíña Isabel a Católica entre 1479 e 1486, división do Reino en catro provincias en 1833, sanguiñenta represión da revolución nacional de 1846…) de nidios sinais de identidade. Velaí o Himno Nacional Galego de Veiga e Pondal (1907), o primeiro recoñecemento oficial da bandeira galega (A Coruña, 25 xullo 1921) ou a consideración polas Irmandades da Fala do 25 de xullo como Día de Galicia, como Día da Patria (1920).


Como ven de escrebir M. Veiga Taboada cómpre distinguirmos moi nidiamente o Santiago adoptado como Día da Patria do Santiago obxecto de homenaxe polo Estado español na Ofrenda do 25 de xullo. O primeiro é ese Santiago Peregrino protagonista da construción do Reino de Galicia como Estado europeo entre os séculos IX e XIII, a fin dos camiños xacobeos no cabo da Europa. Un referente dunha Galicia de seu no contexto dunha universitas christiana europea, fronte á realidade dunha España nomeadamente musulmá até o século XIII. Mentres que o Santiago da Ofrenda é o Matamouros que a Coroa de Castela quixo promover, con pouco suceso, como referente das Españas fronte a xudeus, mouriscos, mozárabes e conversos. E moi axiña contra cataláns e portugueses. O Santiago do Pórtico da Gloria é o Santiago que conecta coa realidade de Galicia como nación europea, que conecta mesmo coa actual realidade leiga e pluricultural da Europa, mentres o Santiago Matamouros da Ofrenda semella cada vez máis fóra de tempo. Velaí que o Goberno do Estado habería ter a sensibilidade de non nos impor no ceo compostelán bandeiras moi queridas –si– para unha parte dos galegos, mais que non integran, como si integra a nosa, ao conxunto da cidadanía. Ademáis, hai días abondo para reivindicalas fóra do noso Día da Patria. 

O noso Día Nacional

Te puede interesar