O estratéxico no Día da Patria Galega

|

A Nosa Terra, voceiro das Irmandades da Fala (IF), do 25 de xullo de 1920, facía un chamamento a que “non houbese fogar galego, aldeán ou vilego, que deixase de exteriorizar o seu patriotismo no Día de Galicia”. Na editorial falábase de nación e patria. Nesta data así como nun artigo de Vitor Casas facíase mención a que “pola derradeira Asembreia qu’en Compostela xuntou ós nacionalistas, foi acordado facer “Día da Patria” o 25 do mes de Santiago”. Nesta xuntanza do ano 1919, a segunda, as Irmandades acordaron propostas como a igualdade absoluta política e civil da muller. Lembrouse a Antolín Faraldo (figura destacada da Revolución de 1846 e antecedente da loita de Galiza como colonia da Corte).


O Día da Patria Galega foi dende a súa institución unha data reivindicativa. Non podía ser doutro xeito porque o noso povo tiña e ten un papel subalterno no Estado español, tamén a nosa cultura e lingua, e tamén na cadea de valor económica. Daquela o retroceso do peso demográfico dende hai máis dun século, e a emigración dunha boa parte da mocidade. É verdade que os avances que nos arrodean son grandiosos (en todo o mundo), porén a precariedade laboral non deixa de medrar, a taxa de desemprego é moi alta, e as familias na pobreza severa son rente do 7%. Iso non quere dicir que non haxa sectores sociais con ingresos dignos, e nalgúns casos impresionantes, e que non existan empresas que innoven, creen emprego e invistan no país. Sería tremendo que non fose así, e de necios negalo, mais non é esa a tendencia dominante. Boa parte da riqueza producida emigra e esta é a cuestión fundamental que nos afecta como povo, como nación.


Nesta conxuntura son relevantes os criterios de superación da crise da pandemia, tanto pola magnitude dos recursos económicos en xogo, como pola evidencia de que a Unión Europea xa ten un plano estratéxico. Como afecta a Galiza? Non é un aspecto secundario, xogámonos o futuro. Concretamente como se planifica manter, ou cales serán as alternativas, para sectores como o naval, aluminio, enerxético, agro-alimentar, etc, que están sendo desmantelados ou sufrindo axustes moi duros. Que papel vai ter Galiza nesta nova UE verde e dixital? Vaise reproducir o pasado? As decisións que se tomen en Bruxelas e Madrid non son neutrais, esa escusa choca coa coa historia. Tamén é importante todo o relativo á mellora das prestacións esenciais, da dependencia, da xustiza social, do recoñecemento do carácter plurinacional do Estado... É un erro ver só o inmediato e parcial, e escoitar o relato e obviar a práctica.

O estratéxico no Día da Patria Galega