Moncho Carpinteiro

en xa afastados tempos fun un adolescente estudante de ciencias que andaba máis que despistado coa carreira que elixir. Finalmente, e non con moito convencemento, por certo, optei por cursar Filosofía e Letras. Tiven, como non, que procurar encher da mellor maneira posible os baleiros de formación que tiña en latín, o que me obrigou a pasar moitas horas facendo traducións de clásicos latinos. Lembro ben a grata compaña do tratado Laelius de Amicitia, de Marco Tulio Cicerón, na edición preparada por Eduardo Valentí Fiol para a “Colección de textos clásicos latinos” da editorial Bosch. Conservo, sen dúbida, mais non sabería dicir onde, ese exemplar, posiblemente todo pintarraxeado en bolígrafo, que era o sistema que empregaba daquela para destacar o que en posteriores lecturas podería interesarme. Práctica un tanto brava, recoñezo.

O contacto con esa obra dun dos grandes estilistas da literatura latina foi tan graficante com frutífera. Axudoume a superar os dous anos de latín e a facerme reflexionar sobre determinadas cousas que aínda hoxe non esquecín de todo. De feito, veume á cabeza ese texto cando hai un par de días recibín a mala nova da morte de José Ramón Carpintero Ameneiros, un excelente amigo, dos de verdade.

Na nosa sociedade dáselle á familia unha importancia que moitas veces non ten. O feito de ser -en maior ou menor grao- familiar dalguén, non é, a priori, síntoma de máis nada. Tocouche compartir consanguinidad e apelidos cunha serie de xente, como che puido tocar con outra ben diferente. Para min é moito máis importante a amizade. Todos coñecemos casos de familiares moi directos que se odian, que non se falan, que se desprezan... Mais non coñecemos casos similares entre amigos, pola simple razón de que cando chegan a esas situacións as persoas xa non son amigas. Algo que non se dá entre familiares, que son tales para toda a vida.

Entendo que as mellores relacións familiares teñen que funcionar baseadas na amizade. Temos que nos facer amigos dos nosos familiares, directos ou políticos, do mesmo xeito, ou similar, ao que o facemos ao longo da vida cos compañeiros e compañeiras de escola, de xogos, de deporte, de ocio, de traballo...

Foi pola vía familiar política como coñecín o Moncho Carpintero, hai máis de catro décadas. O coñecemento deu paso ao contacto e este derivou en amizade verdadeira, esa na que, lonxe de calquera tipo de interese, están presentes a xenerosidade, a lealdade, a honestidade. Moncho era posuidor de todos eses valores e máis. Non atopo xeito mellor maneira de definilo que a súa bonomía. Era, por riba de todo, un home bo. Honrado, traballador, sensato, divertido, cariñoso, afectuoso, respectuoso. Dicía Cicerón que o cariño e o amor veñen da verdadeira amizade. E así debe ser, porque eu quixen moito o Moncho, como estou certo que el me quería a min, que iso sería o de menos, porque na amizade e no cariño de verdade non se adoita pedir reciprocidade.

Como non podía ser doutra maneira nunha persoa coa grandeza que el tiña, soubo soportar con tremenda enteireza a prolongada e complicada enfermidade que lle tocou en malfadada sorte padecer e soubo, tamén, afrontar a morte coa maior das dignidades. Os recordos, os bos recordos que del me quedaron, axudan, como non, a superar a dura perda.


Moncho Carpinteiro

Te puede interesar