“Pola cándida adolescencia” de Manuel Suárez

Manuel Suárez (A Coruña, 1972) mostra na Sala de Exposicións do Palexco a súa obra máis recente, baixo o título “ Pola cándida adolescencia”, co que, sen dúbida, quere aludir a que a tarefa artística é sempre un exercicio de recuperación dos anceios máis fermosos e dos ensoñados territorios cuxa época de floración é a edade dourada da vida : a adolescencia. Exercicio, pois, de volta ás paraxes desa inocencia, na que os pensamentos voan ceibes por latitudes sen fronteiras. Así voan e se expanden as manchas de moitos destes cadros, por espazos de azul, por encendidos ceos dourados ou por selváticos verdes de fraga nos que latexa toda a tensión da vida en perpetua expansión, como é visible no enorme cadro “Cápsula botánica sin principio nin fin” . O camiño iniciado con “Blanco María” e continuado despois con “De substancia tóxica” e “ El descuido es mío”, entre outros, atopa agora feliz culminación, nesta obra en que o tratamento informalista e o matérico se conxugan para dar canle a creacións que poderían incluirse dentro dos presupostos do expresionismo abstracto. Consegue así unha linguaxe poderosa e aberta a todo tipo de configuracións, nas que se sinten vibrar as indetibeis forzas da natureza e do cosmos, e cuxo exemplo máximo sería o gran díptico de tres metros de longo, que titula “Génesis”, no que busca expresar a conmoción irradiadora do universo, mostrando o choque de brancas masas aéreas con capas azul turquesa e verde esmeralda,, atravesadas por regueiros rosados e negros.. En realidade, toda esta última creación de Manuel Suárez busca expresar aconteceres que viaxan sen paraxe, como o fan as nubes, as ráfagas de vento, as correntes do mar,,,, pero sobre todo como viaxan os pensamentos que poden medrar i expandirse en milleiros de formas. Con vehemencia, con dramatismo, as veces, pinta enerxías que se atraen, rastros, pulsións, ondas, camiños, danzas da luz, augas seminais, e plasmas xenesíacos, como na peza que titula “Un ser”, que representa unha especie de gran célula dourada aboiando nun xelatinoso magma. Hai tamén presente unha tensión de contrarios que tanto ten que ver con ese sentir barroco, émulo da nosa natureza, e tan de noso, do que emerxen siluetas e sombras de suxerencias orgánicas, como en “Cuberta botánica” ou en “Bicho” que lembra unha especie de gasterópodo medrando en espiral; as veces semellan árbores emerxendo de verdes umbrías; outras veces adoptan perfís antropomorfos (“Corpo en agua”, “Corpo en aire”), sobre todo na obra” O guerreiro”,. branca silueta de humanoide transformado en enorme lanza coa que arremete contra os espesos muros de materia que o encerran. É esta unha parábola da eterna loita do ser humán contra as limitacións impostas pola nai naturaleza. A expresión dun lirismo entre gozoso e desgarrado percorre todas estas pinturas e atopa o seu culmen na obra “Do candor ao pecado”, na que, entre explosións de aurora boreal, síntese escorregar a enorme e negra serpe do mal.

“Pola cándida adolescencia” de Manuel Suárez

Te puede interesar