“Canido en nomes”, os persoeiros e a historia do barrio tralos espazos cotiás

“Canido en nomes”, os persoeiros e a historia do barrio tralos espazos cotiás
Representantes das entidades participantes presentaron onte a iniciativa no Centro Cívico do barrio | daniel alexandre

É un proxecto comunitario, con implicación de diferentes entidades, como moitos outros que se desenvolven no dinámico barrio ferrolán que é Canido. Desta volta, e co obxectivo de “reivindicar a historia e os persoeiros tralos espazos cotiás (rúas, prazas, lugares...) e que son moi descoñecidos”, nace “Canido en nomes”, un proxecto que conta coa implicación de catro asociacións: a veciñal e as culturais Muíño do Vento, Ferrolterra Antiga e a de Acordeonistas.

O Centro Cívico acolleu onte a presentación da web e da canción e videoclip dedicada ao barrio enmarcada nunha proposta centrada na toponimia. Incluirá tamén un roteiro que estará sinalizado con códigos QR que remitirán á información relativa a cada un dos puntos identificados.

O percorrido pode ser consultado xa na web do proxecto xunto a outra moita información relacionada cos persoeiros que dan nome ás rúas, unha listaxe coa toponimia descoñecida, “ou xa case esquecida”, nunha franxa temporal que vai desde a Idade Media ata o século XX, así como moitas outras curiosidades e documentación, indican desde Ferrolterra Antiga. Datos e curiosidades ás que se seguirán engadindo novas informacións, xa que, tal e como apuntan os impulsores, é un proxecto vivo que poderá seguir crecendo.


Achegas


A veciñanza terá tamén o seu papel neste desenvolvemento, xa que se anima a todas as persoas que o desexen a facer as súas achegas, froito das súas lembranzas e vivencias, para poder ir incorporando novos elementos históricos. Así o destaca Antonio Casal, membro, xunto a Rubén Labisbal e Manuel Pita, do colectivo de historiadores.

“Este foi un proxecto que se xestou xa case no ano 2019, con contactos e entrevistas con moita xente e durante 2020 cun traballo de investigación profundo en arquivos por parte de Ferrolterra Antiga”, comenta pola súa banda Roberto Taboada, presidente da Asociación Veciñal do Barrio.

“É un proxecto comunitario no que estamos a traballar varias entidades do barrio, que é a forma natural e normal de traballar que temos desde a entidade veciñal. Nós, practicamente o que fixemos foi coordinar os resultados e conseguir financiamento, a través dunha subvención de concorrencia competitiva para entidades veciñais”, explica.

Desde Muíño do Vento, o seu presidente Rafa Aguirrebengoa considera fundamental a colaboración coas entidades do barrio para poder desenvolver proxectos como este e contribuír así á dinamización do mesmo e á recuperación da súa historia.


Canción e videoclip


Tamén no marco deste mesmo proxecto nace a canción e o videoclip dedicado ao barrio. O músico e presidente da Asociación de Acordeonistas de Ferrol, Joaquín Enríquez, puxo a melodía a un poema do escritor local Antón Cortizas ao que prestou a súa voz a presentadora do Luar Rocío Rodríguez. Da gravación encargouse Andrés Bereijo e da produción Pedro González (Vanenfurgo). Javier González, de Explorer 66 Air, realizou o videoclip.

Unha peza audiovisual que permitiu á intérprete do tema achegarse por primeira vez ao barrio de Canido, gozando alí do que, di, “foi unha experiencia marabillosa, un regalazo para min”. Di Rocío Rodríguez que o que máis lle soprendeu da zona “é que é un auténtico museo ao aire libre”, cunha xente que cualifica como “maxia”, tras comprobar o grado de implicación nun proxecto no que ela colaborou encantada.

Como mostra de agradecemento á súa desinteresada participación, a Asociación de Acordeóns de Canido-Ferrol, acordou nomeala socia de honra da entidade. O seu presidente, Joaquín Enríquez, é tamén o creador da páxina web onte presentada (https://canidoennomes.eu).

A descrición do roteiro, apartados relacionados con nomes esquecidos ou aspectos cartográficos forman parte dun proxecto web que pon tamén a proba os coñecementos da cidadanía cun xogo de preguntas.

“Canido en nomes”, os persoeiros e a historia do barrio tralos espazos cotiás

Te puede interesar