Tarde, como sempre

|

hai algúns días, o noso xornal trouxo a nova da posible reactivación daquel proxecto que pretendía crear nos terreos de Leixa, unha zona empresarial e un parque loxístico, algo que xa fora aprobado pola Xunta no 2008, hai xa máis de 13 anos, pero que desde aquela permaneceu no limbo dos xustos, durmindo nalgún escuro caixón. Seica a decisión xurde da entidade SEA, “Solo Empresarial do Atlántico”, na que figura como Xerente, a ferrolá Beatriz Sestayo, persoa moi entregada a todo o que sexa mellorar o noso ferroliño. Segundo os entendidos, de realizarse este proxecto, daríase un paso importante na creación de empresas, co aumento da vida laboral e un importante número de postos de traballo, do que estamos tan necesitados. Claro que aínda haberá que esperar preto de tres ou catro anos, pois como ben sabemos, “as cousas de Pazo van moi de vagar” e, aquí como sempre, todo require “o seu tempo”, como cando chegou a primeira locomotora, ou o tren da costa, a ponte das pías, a autopista, a autovía do norte, que ía chegar a Ferrol e rematou en Vilalba; pero chegará o tren do porto exterior, o novo trazado do tren Ferrol - Coruña ou novo Dique de Navantia, que moitos de nós nunca veremos. Mais, como adoitamos dicir por estes lares, “non hai mal que cen anos dure”. Nin corpo que o resista, claro. Non é?

Tarde, como sempre