Irresponsables

Como me soa todo isto!-, ía pensando ao tempo que lía o relato, a xeito de carta, que Marta Marco Alario, profesora dun Instituto madrileño, escribiu a raíz de coñecer os multicontaxios en Mallorca de estudantes de Bacharelato; algúns do seu propio centro de traballo, onde lle tocou exercer a dura e delicada tarefa de coordinadora covid.

O texto chegoume varias veces por WhatsApp, de mans de diferentes persoas. O primeiro que recibín, sen indicación de autoría, estaba sacado do perfil de Facebook da profesora, o lugar onde o publicara. Os que chegaron pouco despois traían enlaces de medios de comunicación que se fixeran eco do escrito, e aí xa puiden saber da autoría da profesora Marco Alario, un nome que me soaba, porque é tamén escritora coñecida: autora dalgúns libros de poemas e relatos e premiada nalgún relevante certame. É unha das seis autoras/autores das Historias del puto virus (1920), obra aparecida un par de meses despois do inicio da pandemia.

Na carta-relato do sucedido en Mallorca atopamos unha profesora tremendamente decepcionada polo acontecido. Intenta comprender que foi o que fallou, o que non se debeu facer ben de todo, para que o alumnado tivese unhas actuacións totalmente contrarias ao que durante meses se lles fora indicando que deberían facer para nin contaxiarse eles nin contaxiar os seus familiares. Láiase de que servisen de pouco todos os esforzos realizados polos equipos directivos e os persoais docente e de administración e servizos dos centros para tentar saír o menos afectados polo virus circulante. E lembra, con toda a razón -porque así mesmo foi, aínda que nunca se lle deu a relevancia informativa que tiña- que o colectivo docente foi o único -e repite a palabra único- que foi lanzado contra o coronavirus sen protección de ningún tipo. Refire tamén como os responsables covid tiveron que estudar catro protocolos, así como aprender a usar medidores de CO2; a ventilar con eficacia -á marxe do frío ou calor que houbese que pasar segundo estivese o tempo-; a estar en permanente contacto con técnicos sanitarios para tentar controlar a pandemia no ámbito escolar e no familiar; a procurar discernir as verdades das mentiras nas declaracións dos posibles afectados...

Dicía, ao comezo, que todo isto que lía me soaba. E tanto, que o coñezo. Porque a persoa coa que comparto a miña vida foi, e aínda é, coordinadora covid dun instituto de case 600 alumnos, un tamaño, pois, similar ao da profesora Marco Alario. Tocoulle padecer todas esas situacións de enorme responsabilidade -sen gratificación de ningún tipo e, mesmo, con certos reproches e algunha ameaza- e máis. Porque non foi pouca a preocupación por se os seus contactos con alumnado infectado no só lle puidesen afectar a ela -sen ningunha dose ata finais de febreiro- senón tamén a min, persoa de risco, carente de protección durante moitos meses, ata a primeira inxección do pasado 27 de abril.

Xa que logo, entendo, perfectamente todo o dito pola profesora de Madrid e comparto plenamente tanto a súa decepción como a súa afirmación de que a responsabilidade é exclusivamente do alumnado afectado e dos familiares que lles permitiron viaxar dese xeito. Todos eles estaban perfectamente informados do que podía acontecer.




Irresponsables

Te puede interesar