Catro centros da comarca disporán o vindeiro curso de aulas de emprendemento

CIFP Rodolfo Ucha
|

Un total de 22 centros galegos con ensinanzas de Formación Profesional incorporarán o vindeiro ano aulas de emprendemento. Trátase dunha nova iniciativa coa que a Consellería de Educación quere “dar valor engadido á formación dos estudantes”, favorecendo ademais que o alumnado poida poñer en marcha as súas propias ideas de empresa. Na comarca de Ferrolterra, serán catro os centros beneficiados da convocatoria: os centros integrados de FP Rodolfo Ucha Piñeiro, Leixa e Fraga do Eume e o IES Terra de Trasancos de Narón.

Con esta iniciativa, o goberno galego afonda ademais “na súa aposta por estreitar o vínculo entre a Formación Profesional e a empresa, como vía para dar un valor engadido á preparación que os estudantes acadan nos ciclos formativos, así como mecanismo de retroalimentación entre o sistema educativo e o produtivo”, indican fontes do goberno galego.

Nas devanditas aulas de emprendemnto desenvolveranse actividades en estreita relación coa rede de viveiros do programa EduEmprende, como espazos de emprendemento asociados aos viveiros da rede.

Estas actuacións, din desde a Consellería de Educación, permitirán que o alumnado destes centros conten cun soporte administrativo, técnico e de infraestruturas nas primeiras fases dun proxecto emprendedor, similar ao dun marco de desenvolvemento dunha startup. “Para iso, os centros participantes proporcionarán ao alumnado a través desta iniciativa un sistema de orientación, guía e titorización das ideas emprendedoras achegadas polo propio alumnado, en particular o que está próximo a rematar os seus estudos.

Se o proxecto acadase un nivel de madurez suficiente para a súa posta en marcha e requerise dun espazo para o seu desenvolvemento, “desde a aula faranse as xestións necesarias para a súa integración nun viveiro da rede existente en centros”, explican. Tamén se desenvolverá formación para o fomento das habilidades e competencias para o fomento do emprendemento.

Catro centros da comarca disporán o vindeiro curso de aulas de emprendemento