China e o mundo multipolar

|

A rapidez coa que China controlou a pandemia e recuperou a actividade económica é un exemplo cando se compara coa resposta que están a dar outras potencias cun maior desenvolvemento social, como é o caso de Estados Unidos, Alemaña, Xapón, Reino Unido, Francia... Daquela que nos medios occidentais, para manter o mito da superioridade, puxesen acotío como alternativa a Israel e Nova Zelandia, cunha povoación moi inferior, e non a países como Viet-Nam, cun nivel de ingreso por persoa moito máis baixo. Tampouco se pode obviar que perante este duro período de loita contra o virus China e Rusia entregaron cantidades importantes de vacinas a países que carecían delas, mentres que Estados Unidos, Reino Unido e a UE adicábanse só a vacinar a súa povoación.

Os anteriores son datos e feitos relevantes, e sen ningunha dúbida foron valorados polos governos e os povos de todo o mundo, polo que implica en capacidade científica, modelo produtivo e práctica solidaria. Isto empurrou a que Estados Unidos e a UE agora se comprometan a distribuír até finais de 2022 dous mil millóns de doses de vacinas, unha decisión positiva porén serodia e insuficiente. Ademais decidiuse un investimento público excepcional por parte de Washington e da Unión Europea para reconstruír a economía e manter o emprego, e unha proposta para evitar que as grandes corporacións fagan enxeñería fiscal para non pagar impostos; recuperando deste xeito o papel central do Estado e do sector público. Mais, isto é insuficiente, se o Estado non planifica e é determinante nas actividades esenciais, como sucede en China. Esta é a diferenza cualitativa. E iso implica recoñecer as consecuencias desastrosas do neoliberalismo.

Todas estas medidas de occidente para manter a hexemonía imperialista son serodias. A economía de China en capacidade de merca xa é superior á de Estados Unidos e crece moito máis rápido, está na vangarda en intelixencia artificial e ten unha forte alianza coa outra gran forza nuclear, Rusia. Tampouco se pode obviar a importancia doutras potencias rexionais: India, Turquía, Iran, México, Indonesia... que practican políticas propias, as veces contraditorias. En resumo, occidente só mantén seu dominio nas moedas de reserva, nas comunicación e información, no ámbito militar convencional, mentres que medran súas contradicións sociais e políticas internas, tamén naqueles países que teñen unha maior dependencia. A UE, o Estado español, Galiza deberían ter en consideración este escenario. A cuestión é a amplitude que terá o multilateralismo.

China e o mundo multipolar