Fóra a máscara

Non é doado sentarse diante da pantalla do ordenador disposto a darlle as teclas sen saber exactamente a onde irá hoxe a miña mirada. Non é frecuente que aconteza isto pero ás veces ocorre. Pois miren, voulle dar unha volta á supresión da máscara nos espazos ao aire libre malia que o tema da pandemia tenme aburrido dabondo , é coma a historia interminable, como o conto de nunca acabar, porque non acabou por moito que pensemos que estamos diante da fin do pesadelo.


A máscara chegou a formar parte da nosa indumentaria tanto é así que a algúns vailles ser difícil esquecela pola vantaxe que para eles supón levar a cara tapada e dese xeito pasar de todo e de todos. Coa máscara o anonimato ponse de manifesto, somos individuos camuflados, desapercibidos , difíciles de recoñecermos pola rúa , como fantasmas solitarios que se cruzan con outros personaxes cos que habitualmente tratábamos a cara descuberta. Pasamos a sermos descoñecidos, e xa se sabe : cos ignotos nin trato. Á xente cústalle saudar entre outras razóns porque non identifica a quen vai dirixido o saúdo.


O saúdo formaba parte das normas de educación, daquela urbanidade que nos inculcaban cando nenos: non só saudar aos coñecidos senón tamén a calquera que se cruzara connosco bis a bis. Hoxe, sen chegar a aquel “vostede sega ben”, un ¡adeus! ou ¡bo día! cumprirían perfectamente como unha pequena mostra da boa educación. Eu, que non perdín a costume de saudar, fágoo sempre e como resposta ás veces recibo unha mirada inquisitiva por riba da máscara como preguntándose ¿pero este tío de que vai? Pero non importa , eu sego repartindo olas e adeuses porque educáronme así, ¡que se lle vai facer!


Onte, logo de máis dun ano, permítennos andar sen máscara ao aire libre. Xa ía sendo hora. Agora poderemos vérmonos as caras, identificármonos a primeira vista, dicírmonos ¡canto tempo hai que non te vecho! malia coincidir onte na rúa sen sabermos quen éramos. Volveremos a pisar as rúas novamente sen aditivos na faciana respirando o aire fresco e vivificador, sen filtro, volvendo a sermos o que éramos porque ¿acadaremos a normalidade de denantes, ou de aquí en adiante viviremos nunha especie de mundo feliz como aquel que nos expón Aldous Huxley na súa famosa novela onde cada un é feliz no seu status sen aspirar a máis? Eu de momento só aspiro a ser feliz sen ese complemento incómodo formando parte da miña indumentaria, e a seguir sendo educado e considerado cos demais. ¿É moito reclamar o mesmo trato? Non creo.

Fóra a máscara

Te puede interesar