A vacinación en Ferrol afronta outra semana na que se poñerán 14.000 doses

A vacinación en Ferrol afronta outra semana na que se poñerán 14.000 doses
A vindeira semana vacinaranse persoas de tres grupos de idade diferentes | d.a.

A vacinación na área sanitaria de Ferrol mantén o ritmo e desde hoxe e ata o próximo venres inxectaranse 14.000 doses contra o coronavirus, segundo informan desde a xerencia. Na fin de semana poñeranse 4.300 vacinas a persoas de entre 59 e 50 anos. Serán segundas doses coas que completarán o proceso. O luns será a quenda dos maiores de 60 que agardan pola segunda dose de Astra Zeneca, que se lles adiantou unha semana para acadar a pauta completa o antes posible.


O martes tocan primeiras doses, que se distribuirán na franxa de 40 a 49 anos, quedando toda esa década practicamente cuberta cunha dose. A partir do mércores, e tamén o xoves e venres, comezará a inxectárselles a segunda, posto que os maiores cumprirían xa os 21 días de separación entre unha e outra, no caso de ter recibido Pfizer. Neses tres días completaríase a pauta de 6.000 persoas.


Oito concellos libres de covid

As estatísticas do Sergas volveron onte dar unha baixada de casos activos en Ferrol, situándose en 67, un dato que non se rexistraba desde mediados de agosto pasado. Isto débese a un elevado número de altas e a que os contaxios se manteñen en cifras mínimas. Esta semana houbo dous días en que non se contabilizaron positivos novos (o martes 22 e o mércores 23) e onte o Sergas daba tres diagnósticos novos.


No Arquitecto Marcide tamén houbo un descenso de casos. Quedan dúas persoas ingresadas con covid activo (hai pacientes que poden seguir no hospital e dar xa negativo, polo que saen da estatística, ou estar ingresados co diagnóstico aínda pendente, polo que aínda non figuran). Esas dúas están na UCI, con cero pacientes en planta.


Os concellos de Cedeira e Neda súmanse aos que quedan libres de covid, onde xa están Valdoviño, Cabanas, Mañón, A Capela, Cerdido e As Somozas. De seguir a boa evolución, hoxe poderíaselles incorporar Cariño.

A vacinación en Ferrol afronta outra semana na que se poñerán 14.000 doses

Te puede interesar