Enerxía verde, eivas na folla de ruta

O aumento do prezo da electricidade resulta difícil de entender e aceptar para a maioría das familias e empresas, xa que coincide cunha reforma da porcentaxe dos agregados que integran a tarifa, por parte do Governo central, que tiña como obxectivo abaratar o recibo. Un obxectivo que ademais estaba xustificado xa que as empresas eléctricas axen como un oligopolio, obtendo beneficios multimillonarios, mesmo en períodos de crise como o actual. En todo caso esta decisión non evitou que o custe abusivo se volvese a repetir, cuestionando os criterios cos que se fixo o novo recibo. Non se debería ter estudado máis o tema? E, sendo un ben esencial, e para que non prime a obtención do lucro, non deberían ser empresas públicas?


A escusa para xustificar a actual subida do recibo sería o medre do consumo eléctrico en todo o mundo por mor do rebote da economía ao albiscarse o fin da pandemia, co encarecemento do gas, así como o aumento das taxas por contaminación (emisión de CO2). O Governo teima en que o prezo da electricidade terminará baixando, xa que esta sería unha situación conxuntural, daquela a diminución transitoria do IVE un 10% (e algunha medida máis) que acordou estes días.


Non se trata dunha situación illada. En Polonia, os Países Baixos, e especialmente Alemaña, que salienta pola súa política ecolóxica e o énfase en acelerar a descarbonización en todos os ámbitos, comezouse a consumir máis carbón. Deste xeito quérese compensar o déficit de gas, xa que o carbón mesmo pagando os dereitos por emisión resulta máis barato que mercar gas licuado. Unha situación que se resolvería coa entrada en funcionamento do Nord Stream2, o que deixa en evidencia o carácter estratéxico deste gasoduto para boa parte da UE.


O que esta acontecer tamén amosa que o peche das centrais en base ao carbón na Galiza, mesmo aceptando a urxencia de frear o cambio climático, non tivo en consideración todas as consecuencias. Por exemplo, que é esencial construír fontes de emprego alternativos, dado o impacto que o cambio do modo de produción ten sobre as comarcas afectadas; e a necesidade de manter e desenvolver modos de xerar electricidade en calquera circunstancia (como mediante as centrais de ciclo combinado). Só así evitaranse as situacións contraditorias, como que en 2019 o Estado español mercase electricidade a Marrocos por máis de 50 millóns de euros producida en base ao carbón. O que amosa que algo falla, que hai eivas importantes na folla de ruta, comezando por garantir en todo momento a oferta de enerxía.

Enerxía verde, eivas na folla de ruta

Te puede interesar