Eólica

Cando xurdiu a posibilidade de obter enerxía por medio do vento, a todo o mundo pareceulle unha feliz idea. Creo lembrar que nun principio había unha dificultade consistente en manter a velocidade constante do xiro do motor malia o cambio da intensidade do vento, mais os enxeñeiros pronto atoparon a solución e a idea, que seica saíra de Rusia ou por aí, converteuse nunha marabillosa realidade. Pronto os novos “muíños de vento” apareceron por todas partes, como un símbolo de progreso, pois proporcionaban enerxía limpa e relativamente barata, xerando industria e traballo e, nun principio, ata parecían un fito pintoresco na paisaxe. Nembargante axiña apareceron numerosas protestas, pola ocupación de terras ou polo ruído, que seica “estresaba” ao gando. Agora temos aquí o problema, co proxecto da instalación dun parque de muíños que pode prexudicar o medio ambiente e certos xacementos de reliquias pétreas de séculos atrás. Eu non son que para opinar na cuestión, aínda que torres de 200 metros de alto paréceme unha barbaridade, se poñan onde se poñan. Por outra banda, sempre hai a posibilidade das instalacións no mar, que seica darían menos problemas. Sempre que non as poñan no medio da ría, porque “os depredadores” atrévense a iso e moito máis. Que non? Pois mirade onde está a planta de gas: contra o sentido común e as numerosas decisión dos xuíces, pero aí segue...

Eólica

Te puede interesar