A Coruña avanza a bo porto

|

Foron gobernos socialistas os que transformaron A Coruña na cidade que é hoxe en día, os mesmos gobernos que puxeron a urbe no mapa e a converteron nunha referencia, establecendo un modo de facer cidade que moitos intentaron emular con máis ou menos éxito. A puxanza da Coruña nos anos 90 era observada con admiración e envexa por outras urbes que avanzaban a distinto ritmo. Mais o movemento, se non hai unha forza que o orixine, ao final, acábase. Non é sinxelo impulsar unha cidade, mais en só dous anos Inés Rey conseguiuno. Hoxe A Coruña móvese de novo a nivel económico con máis de 400 obras en todos os barrios da cidade, a nivel cultural e deportivo volvendo a ser a sede de eventos relevantes, a nivel social mediante o impulso de políticas pioneiras en materia de dereitos sociais, e, tamén a nivel político, A Coruña volve a ter moito que aportar a nivel galego e nacional.

Inés Rey conseguiu mobilizar a cidade facendo do diálogo, da política de feitos sen estridencias e do entendemento con outras forzas políticas e administracións os sinais da súa identidade.

En só dous anos garantiu investimentos doutras administracións na cidade que superan os 700 millóns de euros, poñendo sobre a mesa proxectos sistematicamente demandados como a construción da estación intermodal, a reforma de Alfonso Molina, a ampliación da ponte da Pasaxe ou o saneamento integral da ría do Burgo. A alcaldesa da Coruña foi quen de chegar a acordos coa Xunta para garantir a renovación completa do hospital da cidade (CHUAC). Con Inés Rey, por fin, os coruñeses poden albiscar un futuro para o porto, porque foi con ela con quen se acadou o esperado investimento do tren a Langosteira, así como garantir a solvencia da Autoridade Portuaria ata o 2035. Hai décadas que ningún alcalde acadaba tal volume de investimento. Seguramente ninguén o fixo en tan pouco tempo.

Foron dous anos intensos e difíciles, marcados pola pandemia e os seus efectos, que centraron a acción municipal precisamente en facerlle fronte, derivando máis recursos municipais aos plans de reactivación que ningún outro concello en Galicia, ao nivel só dalgunhas grandes cidades españolas. Malia todo, A Coruña avanza e ten por diante un futuro esperanzador e cheo de ilusión. Un futuro no que os cidadáns defenderán o orgullo de vivir nunha cidade máis amable, más aberta e con máis oportunidades.

O pulo dado por Inés Rey é hoxe constatable. Ao bo goberno chégase sen ruído e suscitando consensos. A Coruña avanza e achégase á velocidade de cruceiro. Queda moito por facer, pero por fin estamos no bo camiño. O rumbo é claro, está ben trazado e a nave ten bo goberno. Van dous anos de percorrido. Albíscase, no horizonte, o bo porto ao que nos diriximos.

A Coruña avanza a bo porto