O Encontro de Ilustradores de Fene pon en marcha o proxecto Viñetas no Camiño

O Encontro de Ilustradores de Fene pon en marcha o proxecto Viñetas no Camiño
Os artistas expuxeron as súas experiencias para a promoción do territorio | d. alexandre

A inauguración, ao mediodía, dun mosaico realizado polos usuarios de Aspaneps que ficará instalado no exterior da casa consistorial e o I Encontro de Ilustradores que acolleu no serán o Museo do Humor de Fene puxeron onte en marcha a iniciativa “Viñetas no Camiño” que, no marco do programa autonómico O Teu Xacobeo, impulsaron para esta fin de semana as áreas de Cultura e Turismo de Fene. Elga Fernández Lamas, Blanca Escrigas, Beatriz Seijo, Calros Silvar e Eduardo Hermida falaron alí sobre as súas propias experiencias de promoción do territorio a través da arte.


A xornada de onte foi o anticipo do prato forte das “Viñetas no Camiño”, unha Andaina Debuxada que percorrerá os seis concellos da comarca polos que pasa o Camiño Inglés. A orixinalidade desta proposta radica en que varios artistas se instalarán en diferentes puntos do roteiro para elaborar as súas obras.

A marcha, de participación aberta ao público, arranca ás 9.00 horas desde Curuxeiras, en Ferrol, e percorrerá os 23 quilómetros da ruta xacobea entre a cidade naval e Fene, onde rematará contra as sete da tarde. Xantarase arredor das 14.30 horas no paseo de Xuvia. Haberá paradas nos Xardíns de Herrera, onde traballará a ilustradora Elga Fernández Lamas; Santa María de Caranza –con Blanca Escrigas–; San Martiño de Xuvia, con Carmen Martín; As Aceñas, con Leandro Lamas; e, xa pola tarde, no albergue de Neda –Calros Silvar–; igrexa de San Nicolás, con Cristian F. Caruncho, e no Museo do Humor.


Mañá, de Fene a Pontedeume

A segunda etapa sae mañá da Fonte do Campo e cubrirá 11,6 quilómetros ata Pontedeume, con paradas no Concello para ver a obra de Laura Bouza; Camiño de Mundín –Beatriz Seijo–; Fonte de Santa Lucía –Dulce Anca–; praia da Madalena –Juan Manuel Rubio Lozano, que repetirá na confraría eumesa a primeira hora da tarde–; e na alameda de Pontedeume, co ilustrador Hugo Feal.

O Encontro de Ilustradores de Fene pon en marcha o proxecto Viñetas no Camiño

Te puede interesar