Olivia e Anna

Despois de 45 días de angustia, coa alma en suspenso, non pode ser peor o desenlace da desaparición das nenas de Tenerife. Un crime atroz, que acabou con elas fondeadas no mar a 1000 metros de profundidade. Arrepía pensar como foron os derradeiros momentos destas criaturas de un e seis anos, a mercede dun pai que, ao meu xuízo, sempre tivo in mente a idea de desfacerse delas, obsesionado pola idea de vinganza contra a súa muller e nai das nenas, que o deixou por un home máis vello (Sic).


Penso, polo lido no xornal e polo ouvido na TV que este home non estaba nos seus cabais. Aínda non se sabe nada del pero é de supoñer que despois de asasinar ás súas fillas acabara suicidándose. O tempo o dirá, de feito non tiña outra solución.


Non é este o primeiro caso con tan fatal e cruel desenlace. Sempre se di que hai que estar tolo para chegar a estes extremos. Esto semella un atenuante co que non estou de acordo en absoluto. Tódolos preparativos para cometer tan horrible crime, falan dunha mente organizada e consciente dos seus actos, dirixidos a vingarse da súa muller. Por outra banda, hai indicios dun carácter celoso, posesivo e violento. Non se trata de culpar a ninguén pero, ¿por que non se tomaron entón, por parte de familiares e mesmo da policía, as precaucións preventivas e de sentido común correspondentes, dirixidas a protexer ás nenas?


Ata de agora, gracias a eficaz labor do buque oceanográfico Angeles Alvariño, con sede en Vigo, apareceu o corpo de Oliva e é de esperar que estes días apareza o de Anna e mesmo o de seu pai e asasino Tomás Gimeno. Proseguirán os achados no fondo do mar e investigarase como, cando e onde foron asasinadas unhas inocentes e indefensas criaturas que por moito que se fale non volverán á vida. Unha triste e moi dolorosa traxedia que podería terse evitado e que non se pode repetir, baixo ningún concepto. Segundo o xornal, dende o ano 2013, 39 menores foron asasinados polos seus pais, co factor común da vinganza contra a muller, intolerable..


Eu, impresionado por tan horrendo crime, quero mandar dende este humilde apunte no DF, as miñas condolencias á nai de Anna e Olivia.

Olivia e Anna

Te puede interesar