Un paso adiante na xustiza fiscal

|

Desde a exclusión de Rusia o G-7 ficou reducido a un club de amigos, ou sexa aos Estados Unidos e os seus aliados de primeira liña, que se limita a consensuar iniciativas contra as novas potencias emerxentes, China e Rusia, defender ás súas corporacións, e poñer orde entre as potencias rexionais e países que pretenden manter políticas soberanas. Mais a última reunión do G-7 tomou unha iniciativa que ten unha enorme importancia para impoñer regras á globalización neoliberal, dado que as grandes transnacionais, especialmente as tecnolóxicas, de facto monopolios que fan unha tributación anecdótica, estábanse a converter en centros de poder por riba dos propios estados, mesmo aqueles máis poderosos. Daquela, que fose os Estados Unidos, malia que sempre se opuxo, o que solicitase unha tributación de como mínimo o 21% (diante do 15% que se acordou) e que se pagase nos países nos que se realiza o servizo.


Decidiuse que esta proposta se levase ao G-20, que ten unha maior representatividade e capacidade para tomar decisións, xa que estarán presentes países como China, Rusia, India, México, Arxentina, Sudáfrica, Turquía, Indonesia,... que non integran o circulo do imperialismo hexemónico, e hoxe representan unha parte considerábel do PIB mundial, do comercio internacional e do sistema financeiro, da capacidade militar e da investigación, por exemplo en intelixencia artificial. Evidentemente, tamén se debaterá na OCDE. Sen dúbida sería un paso adiante, que frearía algo o proceso de centralización e concentración da riqueza e do poder en mans privadas, moi ligado ao medre da desigualdade social e entre territorios.


Agora ben, respecto deste acordo, dado que a versión varia moito segundo os medios, fican certos aspectos por concretar, que non son menores. Nomeadamente, se esta proposta atinxiría a todas as corporacións ou só ás tecnolóxicas, aínda que estas sexan as que máis abusan do dumping fiscal non son as únicas. Outra cuestión importante é se só afectaría a aquelas empresas que teñen beneficios de máis dun 10% como di algún medio, o que convertería en anecdótico o acordo e sería unha discriminación respecto do imposto de sociedades que se aplica normalmente. E por último, un 15% de tributación segue sendo menor á que realiza a clase traballadora, autónomos/as e maior parte da pequena e mediana empresa, en moitos países. Ou sexa, un avance, porén mantendo privilexios, elites. O lóxico sería que os oligopolios fosen de titularidade pública, máxime cando realizan actividades esenciais. 

Un paso adiante na xustiza fiscal