A Orquestra Galega de Liberación abrirá a edición do Jazz de Ría

A Orquestra Galega de Liberación abrirá a edición do Jazz de Ría
Os alcaldes e edís de Cultura de Narón e Neda, xunto coa directora do evento, onte na pasarela peonil sobre o Xuvia | cedida

A Orquestra Galega de Liberación abrirá o venres 13 de agosto a V edición do festival Jazz de Ría, unha iniciativa que ata o de agora se viña celebrando entre Ferrol e Mugardos e que desta volta terá lugar en Narón e Neda, que toman o testemuño dun evento que foi recoñecido nos Premios Martín Códax do ano 2018 e que sitúa a ría local no mapa jazzístico peninsular.

Os alcaldes de Narón e Neda, Marían Ferreiro e Ángel Alvariño, e os edís de Cultura, Guillermo Sánchez Fojo e Verónica Vigo, presentaron, canda a directora do festival, Aitana Cuétara, esta nova edición do festival na pasarela peonil que une os municipios de Narón e Neda en Xuvia.


Aló Django, Lucía Rey Trío e Cuarteto da Terra de Baldo Martínez completan o cartel deste ano


Os responsables políticos manifestaron a súa vontade de consolidar o festival e convertelo nunha cita musical de referencia na que podan participar todos os concellos da ría “para crear espazos e proxectos culturais que contribúan a facer de Ferrolterra un destino cultural de calidade”.



“Proposta singular”


Pola súa banda, a directora do Jazz de Ría destacou que nestas catro edicións, o festival “xa conseguiu posicionarse dentro do circuíto de festivais da península, ampliando notablemente o seu público e a súa repercusión mediática cunha proposta singular en canto a espazos e músicas”.

O programa da quinta edición do Jazz de Ría inclúe, ademais do concerto inaugural dos 17 músicos que integran a Orquestra Galega de Liberación –no parque do río Freixeiro, ás 21.30 horas–, tres actuacións o sábado. A primeira, á unha do mediodía na ribeira de San Nicolas, terá como protagonista a Aló Django, para xa na tarde-noite regresar a Freixeiro cunha dobre cita: a de Lucía Rey Trío a partir das 21.30 e, deseguido, a do Cuarteto da Terra do ferrolán Baldo Martínez.

A directora do evento subliñou a calidade dos artistas que compoñen o cartel e destacou particularmente a presenza da Orquestra Galega de Liberación, que, dixo, “nos vai dar a oportunidade de xuntar 17 músicos do máximo nivel nun exercicio de creatividade e liberdade musical difícil de atopar noutras circunstancias”. Dese xeito, o evento será “punto de encontro para unha gran parte do panorama jazz galego”. 

A Orquestra Galega de Liberación abrirá a edición do Jazz de Ría

Te puede interesar