Maximino L. Rivas: “Estou seguro de que as salas, e o ocio nocturno en xeral, abrirán a segunda semana de xullo”

Maximino L. Rivas: “Estou seguro de que as salas, e o ocio nocturno en xeral, abrirán a segunda semana de xullo”
López Rivas asegura que sobrevivir estes meses foi moi difícil “por non dicir case imposible” | d. alexandre

Desde o mes de marzo de 2020, a sala La Room, unha das que existen en Ferrol, abriu pouco máis dun mes. Coa mellora da situación epidemiolóxica e o avance da vacinación, o seu xerente, Maximino López Rivas, cre que a reapertura está moi próxima.


Aventúrase a dar unha data para o primeiro concerto?

Ben, hai unha data que xa está marcada pola Agadic na liña de subvencións do Xacobeo 2021 e é o 31 de outubro. Ese día teremos que ter feito os 15 concertos para os que nos concederon a axuda. Tendo en conta a mellora da situación sanitaria, o avance da vacinación e as perspectivas que ten a Xunta, entendo que a segunda semana de xullo nos deixarán abrir tanto ao ocio nocturno como ás salas. Será como o mes e pico que abrimos o ano pasado, con aforo limitado, horarios determinados e outras medidas de hixiene e seguridade. Con esas premisas, estou seguro de que arredor desas datas poderemos abrir. É importante que sexamos conscientes da necesidade de que todos respectemos as normas.


Como sobrevive o sector das salas de concertos a quince meses de pandemia?

Son moitos factores a ter en conta: ser ou non propietarios da sala, os prezos do aluguer, se é ou non a túa actividade principal... Hai compañeiros de Vigo ou A Coruña que pagan ata 4.000 euros de aluguer e iso é unha loucura que levou a moitos a pechar e a outros a valorar seriamente se o terán que facer. No noso caso, tanto o meu socio coma min non vivimos directamente da sala. Tamén hai que ter en conta o respaldo das administracións. Aínda que, como case todas as axudas, chegan tarde e son algo complexas, si chegaron ou están chegando. O goberno da Xunta é o segundo de España en axudas: esa é a realidade, á marxe da ideoloxía de cada un. E agora estamos pendentes da primeira axuda directa ao ocio nocturno, de catro millóns a repartir. E tamén hai que valorar o esforzo que fixo o Goberno central cos Ertes, non hai que esquecelo, porque evitou unha auténtica debacle. Con todo, insisto en que é moi difícil subsistir, por non dicir que é case imposible.


A pandemia vai provocar un reaxuste do sector en todos os sentidos, tamén na adaptación e cumprimento das condicións de cada licenza


A crise obrigará ás salas a reformular o modelo de negocio?

A pandemia vai provocar –está provocando– un reaxuste no sector, en todos os sentidos, incluídas as licenzas reais de cada un, os horarios de cada un, as condicións nas que se desenvolve ese traballo... Desde hai dous anos hai unha lei galega que non está totalmente implantada. En canto ao modelo de negocio, a proposta de cada un é a que cada un quere dar. Moitas salas levamos tempo adiantando os concertos malia ter permiso ata as 5.30 horas e cobrando a entrada correspondente porque cremos que ese traballo e esa oferta deben valorarse. O que necesita o sector é que se acabe de regular e se aplique a normativa para cada actividade.


Os contidos e as programacións tamén variarán?

A proposta de cada local é algo moi particular. A nosa segue a ser ecléctica e variada, como levamos facendo tantos anos. Nós estabamos contentos e, aínda que sempre son malos tempos para a lírica, tiñamos un público feito e consolidado que responde.


Houbo moitas protestas a conta dunhas axudas que se demoraron ou que se consideraban insuficientes...

O Concello de Ferrol, non hai que esquecelo, vai polo terceiro PAME. Cando o 1 de setembro pasado todos cobraramos esa primeira axuda, moitos dos grandes concellos de Galicia aínda non moveran ficha. Tarde, escasas e farragosas, si, vale, pero si que se moveron. Da Xunta podemos dicir algo parecido: os datos oficiais do Estado din que Galicia é despois de Cataluña a primeira en axudas á hostalaría. Outra cousa é recoñecer que a hostalaría foi insultada, sinalada e criminalizada. Houbo un ataque brutal cando está demostrado que, con excepcións, por suposto, non era a culpable. A hostalaría sempre foi moeda de cambio nesta crise.

Maximino L. Rivas: “Estou seguro de que as salas, e o ocio nocturno en xeral, abrirán a segunda semana de xullo”

Te puede interesar