O lobo de Castrolandín (Un bo lobo)

|

Sucedeu o pasado martes 25 de maio nesta aldea da provincia de Pontevedra. Unha muller atopa un animal grande, que lle pareceu un can, tumbado no chan dunha casa en ruínas, moi preto da súa propia vivenda. Avisado o seu home JCPiñeiro dáse conta axiña, cando lle levaba auga e comida, de que en realidade trátase dun lobo, un macho adulto, non moi vello, ao que se lle podían contar as costelas. Non fixo ningún ademán de fuxir, nin sequera arregañou os dentes unha soa vez, como soen facer cando teñen medo. Seu estado era tan comatoso que non tiña forzas para nada. Arrepía contemplar a súa imaxe na fotografía, que recortei do xornal.


Gracias a intervención da muller e do seu home e ás xestións de Manuel Campos, alcalde de Verín que logrou falar con Medio Ambiente, en Castrolandín presentouse o xefe do servizo xunto con un axente ambiental e persoal de protección civil, e decidiron entre todos, que o animal fora trasladado ao centro de recuperación de Carballedo. Chamoume a atención e aledoume o feito, sobre todo nestes tempos nos que tanto se está a cuestionar a protección dos lobos. Non teñen estes moi boa sona nas aldeas debido fundamentalmente a súa predación sobre o gando familiar. Ao meu xuízo, o lobo e un fermoso e intelixente animal desterrado da vida dos homes e vítima do frío e dunha fame de séculos que o leva a matar na procura de mantenza para eles e a súa prole.


Penso que neste caso, morto de fame, seica non pesaba máis de 20 Kgs, pola falta de presas na natureza decidiu, do xeito que vos conto, pedir axuda aos homes que desta volta reaccionaron moi positivamente, meus parabéns por elo. Disque é habitual que, cando están a piques de morrer, achéganse as zonas poboadas. ¿Será que existe, ou existiu noutro tempo, unha descoñecida e ancestral relación amor-odio entre os homes e os lobos o que podería constituír o tema dunha moi interesante historia, “grandiosa e antiga”?


O máis triste do caso é que este feito real, que mesmo semella ser un conto de Anxo Fole, o gran escritor lugués (1903-1986), non tivo un final feliz pois desgraciadamente o noso protagonista, o lobo de Castrolandín morreu, seguramente de fame, vinte e catro horas despois do seu ingreso no centro de recuperación.


Só me falta dicir que eu si son partidario da protección do lobo e da súa supervivencia nos nosos montes.

O lobo de Castrolandín (Un bo lobo)