Parabéns

Tiven o inmenso pracer de asistir ao denominado “Concerto das Letras Galego-Portuguesas” no Auditorio de Caranza. Teño a certeza absoluta de que don Ricardo Carvalho Calero tería gozado, tanto ou máis do que eu gocei, nese acto organizado para homenaxealo. Ata é posible que tivese sumado a súa voz á interpretación dalgúns dos temas que os presentes puidemos escoitar. Pois non cantaba nada mal, abofé. Quede, pois, e antes de máis nada, constancia do meu agradecemento e os meus parabéns ao Concello ferrolán e ao Eixo Atlántico por nos ter brindado este fermoso acto. Todo un luxo.


Había ben tempo que non tiña oportunidade de ver en persoa Ugia Pedreira. Xa choveu desde a vez anterior que a vin -xustamente por estas datas de 2007- na Habana, na casa de Pablo Milanés. Si fun seguindo, mal que ben, a súa traxectoria. Gustei da súa actuación, tanto na parte que fixo en solitario como na que estivo acompañada pola guitarra do brasileiro Maurício Caruso e, como non, da interpretación dos textos de Carvalho Calero -por ela musicados- en dueto con Kátia Guerreiro. Tres interesantes poemas -”Água e carbono”, “Onde está o verso?” e “Pra vós a verdade”- escritos en tres décadas diferentes, que falan ás claras da relevancia da poesía do profesor ferrolán.


Hai anos que estou inmerso nun traballo -exclusivamente para satisfacción persoal- sobre versos de poetas portugueses que foron convertidos en cancións de diferentes estilos. Entre eles, como non, no fado, cuestión na que tivo moito que ver Amália Rodrigues, en boa medida da man do poeta David Mourão-Ferreira e o músico Alain Oulman, cuxas composicións revolucionaron o fado. Xa que logo, o meu contacto con temas de Kátia Guerreiro é moi frecuente. Curiosamente, nas súas atinadísimas palabras de presentación -feito non habitual dos e das intérpretes portuguesas- aludiu a este asunto dos escritores musicados que ía interpretar en consonancia co sentido literario do concerto-homenaxe. Así puidemos deleitarnos con “Até ao fim”, de Vasco Graça Moura, “Rosa Vermelha”, de Ary dos Santos, “Asas”, de Maria Luísa Baptista, “Fado Pessoa”, de José Fanha... Finalizou a súa excelente actuación con “Amor de mel, amor de fel”, tema que dedicou ao señor alcalde, que gusta do fado. Curiosamente, este fado apareceu nun CD con pezas de diferentes artistas, galegos e foráneos -Carlos Núñez e Luz Casal, Víctor Manuel, Ana Belén, Canalla, Miguel Ríos, Ruxe-Ruxe, Amaral...- aparecido en 2003, a raíz da desfeita do Prestige, co título, como non, de Nunca Máis.


A letra, como ben indicou a fadista, é da autoría de Amália Rodrigues que, se non estou trabucado, gravou por vez primeira para o LP Lágrima (1983), que contiña temas con letras exclusivamente da súa autoría.

A propósito da Amália escritora hai unha anécdota que non me resisto a recoller aquí. En 1969, cando o ditador Oliveira Salazar enfermou, a fadista envioulle uns versos seus e dise que Mourão-Ferreira cando se enterou lle comunicou: “Se sabe escrever versos para o Salazar, com certeza não precisa dos meus”, e non volveu escribir para ela.


A interpretación d’ “O namorico de Rita” a cargo das dúas cantoras e dos músicos acompañantes puxo o ramo a un concerto para non esquecer.

Parabéns

Te puede interesar