Das opinións

|

A pesar do que puidera parecer, non se rompe un partido por que haxa, nalgúns temas, opinións diferentes. E máis se este partido é aquel que ten no seu haber as primarias, os debates e a creación das correntes de opinión. Non se romperá o PSOE por declaracións de Felipe González ou de Guerra, que polo seu peso na intrahistoria do partido, sempre terán micrófonos e altofalantes que amplifiquen o que digan. Outra cousa é a oportunidade e o decoro.


No exercicio activo da política, unha das obrigas básicas era non deixar ningún micrófono de calquera medio sen cubrir. Trasladar a mensaxe era o punto fundamental de calquera organización e a razón de ser da comunicación política. Despois chegaron aquelas cousas intimidatorias do que se mova non sae na foto, e outras medidas de control que tiña moito que ver coa (in)oportunidade dalgúns de aplicar o de falar non ten cancelas, e o da falsa unidade imposta pola forza.


Hai líderes que exercen un estrito exercicio de responsabilidade cara ao partido. O que mellor exerce a prudencia e a lealdade é Rodríguez Zapatero, sempre sen excesos nin pretendendo ocupar un espazo de discurso que xa non lle corresponde.


Estar á altura non é doado, sobre todo se hai exdirixentes que pensaron que realmente eran imprescindibles. Algúns descobren tarde que por grande que foran ou por moitos cumios que tiveran conquistado, todo ten o seu tempo e todo segue adiante sen eles.


Algúns non manexan moi ben isto do protagonismo e a oportunidade, pero o importante é que os que teñan que tomar as decisións, sexan quen de facelo en beneficio de todxs. As opinións, xa saben vostedes o que se di, todos temos as nosas.


Ti es inmensa coma un continente -dixo El- e gardas a intensidade das viaxes máis íntimas. Tes o misterio cálido de todo o que é querido...

Das opinións