Ugía Pedreira e Kátia Guerreiro homenaxean a Carvalho Calero

Ugía Pedreira e Kátia Guerreiro homenaxean a Carvalho Calero
Pedreira, Guerreiro e Mato, na presentación do espectáculo | concello

Dúas das artistas de referencia da música tradicional galega e portuguesa, Ugía Pedreira e Kátia Guerreiro, ofrecen esta tarde no Auditorio de Ferrol–ás 20.00 horas, con entrada de balde– un concerto artellado expresamente para homenaxear a Ricardo Carvalho Calero, protagonista do Día das Letras do ano pasado, na súa cidade natal.


Na presentación do evento, o alcalde, Ángel Mato, subliñou que a pandemia limitou toda a programación que se formulara para lembrar a figura do polígrafo ferrolán, pontífice de dúas culturas “de raíces comúns a través dunha lingua compartida”, sinalou o rexedor, polas que Carvalho traballou ao longo da súa traxectoria. Para resarcilo dalgunha maneira do “ano incompleto” que foi 2020, o Concello organiza este Concerto das Letras galego-portuguesas no que conflúen dous dos talentos más potentes da música de raíz. “É un espectáculo único, un soño”, destacou Mato, feito realidade grazas tamén á colaboración do Eixo Atlántico.


As protagonistas do concerto expresaron a súa ledicia por poder levar adiante este proxecto singular. Pedreira lembrou o seu vínculo familiar con Ferrol e explicou que comezou a musicar poemas de Carvalho aos 16 anos, grazas ao estímulo dos seus mestres no instituto de Foz no que estudaba. Guerreiro, que é unha das máximas expoñentes do fado –estilo que, asegurou, axuda a abrir moitas portas polo mundo adiante–, engadiu que para ela é “unha honra” compartir con Pedreira este concerto, estruturado en tres partes. No comezo, a música lucense interpretará unhas pezas acompañada polo guitarrista Mauricio Caruso. Deseguido será a quenda de Kátia Guerreiro para, finalmente, xuntarse as dúas no escenario para interpretar varios poemas de Carvalho musicados por Pedreira e arranxados especialmente para a ocasión.


Entradas

As entradas para asistir ao espectáculo poden retirarse no teatro Jofre no horario habitual da billeteira –de 11.00 a 13.00 horas e de seis a oito da tarde– e tamén no Auditorio a partir das cinco e media.

Ugía Pedreira e Kátia Guerreiro homenaxean a Carvalho Calero

Te puede interesar