Descenden os casos activos na área sanitaria de Ferrol aínda que hai sete ingresados

Descenden os casos activos na área sanitaria de Ferrol aínda que hai sete ingresados
Foto: Jorge Meis

A pandemia de coronavirus na área sanitaria de Ferrol continúa estable e con tendencia á baixa. Nas cifras publicadas onte polo Sergas figuran 75 persoas co virus activo nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. 


Son nove menos que o día anterior. Porén, mantéñense sete pacientes ingresados no hospital Arquitecto Marcide e tres deles precisan atención na Unidade de Coidados Intensivos.


O número de persoas diagnosticadas incrementouse en tres, en liña co que acontece nas últimas semanas, nas que se pode producir unha pequena elevación puntual pero a media diaria sitúase nuns cinco casos.


Mantéñense os mesmos nove concellos libres de covid como mínimo nos últimos catorce días: As Pontes, Neda, Cariño, Monfero, Mañón, A Capela, Moeche, Cerdido e As Somozas. A eles podería sumarse hoxe, se a situación segue igual, o de Valdoviño, e mañá, o de Fene.


A área sanitaria de Ferrol non ten ningún concello que precise medidas restritivas especiais, máis alá das que aínda rexen para a maioría de Galicia. Todos eles se incorporarán o sábado ás novas normas, que amplían a posibilidade de reunión de non conviventes a dez persoas no exterior e seis en interiores e que amplía aforos xerais en comercios e actividades culturais e académicas.


Nos centros educativos, Educación rexistra 15 casos positivos. Continúa pechada a escola infantil municipal de San Sadurniño, na que hai un positivo.

Descenden os casos activos na área sanitaria de Ferrol aínda que hai sete ingresados

Te puede interesar