Menos bateas, máis ingresos

Menos bateas, máis ingresos
Bateas punta San Carlos

As críticas do sector marisqueiro da ría de Ferrol ao sistema de depuración intensiva en bateas implantado pola Consellería do Medio Rural e do Mar a comezos de 2012 están apoiadas nos datos que manexa o propio departamento que dirixe Rosa Quintana a través dun dos seus organismos, a Plataforma Tecnolóxica da Pesca, que reflicte un incremento da facturación ao longo deste 2014, o exercicio no que, nesta altura, menos se está a botar man da reinstalación.
Así, decorridos dez meses, a Confraría de Pescadores e Mariscadores de Ferrol ingresou 1.036.000 euros polos 119.500 quilos de ameixa babosa que se venderon pola lonxa de Curuxeiras. O prezo medio por mil gramos –que abrangue non só a ameixa depurada na batea, senón tamén a que se extrae das zonas de libre marisqueo ou B– é nestes intres de 8,66 euros. Hai exactamente un ano, este non chegaba aos 6,60 euros, isto é, un 24% menos. Daquela ingresáronse 300.000 euros menos ca o ano actual e pasaron pola lonxa apenas 9,5 toneladas menos que en 2013. O primeiro ano de reinstalación, a cotización media de toda a ameixa macho que pasou pola lonxa foi de 6,82 euros.
Na Confraría de Pescadores de Barallobre a situación é moi similar. O prezo medio do quilo de ameixa babosa está nos 8,95 euros. Certo é que se puxo á venda menos marisco que hai un ano –105 toneladas–, mais tamén que os ingresos superan en 172.000 euros aos do exercicio precedente, cando a cotización media, igual ca no 2012, non chegou aos sete euros.
As diferenzas económicas son máis substanciais aínda cando se engade outro factor: o tempo no que as bateas estiveron sen se utilizar. En 2012 só o fixeron un mes do verán; en 2013, dous –xullo e agosto– e no actual, perto de catro, contando a segunda quincena de xuño –a última xornada de extracción na zona C das Pías foi o día 17–, os dous meses de verán, todo setembro e case que a metade de outubro, debido, principalmente, a un episodio de toxinas lipofílicas que mantivo pechada a parte externa da ría. n

Menos bateas, máis ingresos

Te puede interesar