“Todos os poderes fácticos do país son contrarios á existencia de Galiza como pobo definido”

“Todos os poderes fácticos do país son contrarios á existencia de Galiza como pobo definido”
Francisco Rodriguez BNG

Referente do nacionalismo galego desde os anos 60, Francisco Rodríguez –Ferrol, 1945– cre que o momento político actual está caracterizado por un \“extraordinario estado de confusión\” co que o BNG debe rachar, aínda desde unha posición minoritaria, non cometendo erros na xestión.

Como explica a caída de apoios do BNG?
Deixando á marxe erros que puideron agudizar a situación, como a participación nalgúns gobernos, o problema de fondo ten a ver con tres fenómenos. Primeiro, que nos 36 anos de marco autonómico Galiza non mellorou en termos relativos, senón que se foi deteriorando económica, social, cultural e lingüisticamente. A autonomía non trouxo máis perspectivas de futuro, senón que foi usada para agravar a dependencia de España. Segundo, que o proceso de globalización e recentralización do Estado, de integración na UE, provocou máis españolización política, impulsada polos partidos estatais, os medios e a ideoloxía dominante, ao ser un país dependente e indefenso. Terceiro, que o país carece dun obxectivo político propio, segue os deseños que se fan no exterior, cousa contraditoria coa capacidade mobilizadora que ten –das maiores do Estado– mais iso nunca se recolle politicamente. Estes fenómenos poderiámolos resumir nun: se a fins do século XX boa parte dos galegos aspiraban a teren un estatus como vascos e cataláns, no comezo do XXI ese desexo de emulación lexítimo está moi mermado. Todo isto explica as nosas dificultades electorais e a crise do nacionalismo na Galiza.

Que pode facer o BNG para lle dar a volta?
O primeiro é non vivir a vida política como un problema exclusivamente electoral e institucional. Isto é moi importante para trazar obxectivos realistas, para darlle importancia ao plano organizativo e contar cunha base social máis ampla. O prioritario debe ser introducírmonos máis na sociedade, estruturala a todos os niveis cunha perspectiva nacionalista. Cómpre non cometer erros nas institucións e facer a mellor política de oposición posíbel que acompañe á mobilización social. E ter un obxectivo político exemplar, que sirva de orientación ao conxunto do pobo galego, aínda desde unha posición minoritaria. Estamos dando pasos positivos nesa dirección nunha situación adversa, caótica e confusa. Ademais, coido que aínda se pode mellorar a unidade dentro do nacionalismo, mais iso non está só nas nosas mans.

Ten esperanza en que xente que marchou do BNG volva, tendo en conta a tensión existente nas alianzas que se foron artellando posteriormente?
Esa subordinación á esquerda española e, polo tanto, de integración nela, é unha opción totalmente consciente nos dirixentes da escisión. Os motivos que houbo para facelo foron claros na súa orientación ideolóxica e política. Calquera ten dereito a estar onde queira, pero está claro que non é nacionalismo o que nega a autoorganización do país e o que nega a súa capacidade para valerse por si e ter un obxectivo político propio. Penso que de aí é salvábel algunha xente que hoxe xa está na casa e, por suposto, hai que estar aberto a calquera movemento que poida haber nunha posíbel basculación cara ao nacionalismo. Teño máis confianza en que un sector social que non está encadrado acabe vendo a necesidade de fortalecer o nacionalismo.

Que pensa de que se fale de sectarismo nalgún sector do BNG para explicar o descenso de apoios ou as escisións?
A organización máis democrática que hai en Galiza é o BNG, e os feitos así o proban. As asembleas do BNG, agora que tanto se fala de asembleas abertas, son abertas a toda a militancia. Alí debateuse todo, votouse democraticamente; outro problema é se non se aceptan os resultados democráticos. Unha das claves da unidade de acción é aceptar os resultados, ser leal ao que se aproba nas asembleas... Aquí hai un problema: o nacionalismo é a única saída para o país, a que pode colocar a Galiza nunha posición de dignidade e de futuro, e iso pasa por mudar o actual Estado español e a UE, por un modelo alternativo. Naturalmente, o nacionalismo ten moitos inimigos. Todos os poderes fácticos do país son abertamente contrarios á existencia de Galiza como pobo definido. A forza política que iso representa ten que ter a pauliña de todos eses poderes. Entón unha das armas de intoxicación social é crear esa imaxe que non se corresponde para nada coa realidade. Nós somos unha organización independente de todos os poderes que dominan Galiza, sometida a continuos ataques, totalmente vilipendiada para deformar a súa imaxe. Repito: non hai organización política que teña unhas pautas de conduta máis transparentes que o BNG.

Por que ten daquela tanto éxito unha organización como Podemos se non representa anovación ningunha?
Porque hai un descrédito da política e a xente quere facer política sen estar na política. Iso é unha forma aparencial de afrontar os problemas. A vida real non é a TV nin internet, por máis que a condicionen. A política hai que facela directamente, véndose a cara, definindo e discutindo en persoa e colectivamente sobre os problemas reais da sociedade na que un vive. Eu respecto o dereito da xente a elixir as opcións políticas que lle pete en cada momento. É moi meritorio estar en TV, pero as televisións teñen donos, non permiten a calquera estar nelas. Porén, coido que o que hai que xulgar é como se comportan as forzas políticas, se existen ou non na túa sociedade, que propostas ten para os problemas concretos... Non estamos, por desgraza, nun momento político así, senón nunha fase de descrédito tan grande que a xente cre atopar solucións en formas de facer política que parcialmente xa están inventadas e practicadas con rigor, e outra parte son unha incógnita. Co tempo irase vendo como se despexan.

Cre que a sociedade igualou o BNG ás forzas estatais tradicionais cando empezou a estar presente nas institucións?
Aí hai unha dualidade contraditoria. Un sector social tendeu a ver o BNG como unha forza política tradicional desde o punto de vista de pertenza ao sistema de partidos e, ao mesmo tempo, tildala de forza radical e extremista. Para min é unha contradición, pero esas visións cohabitan na sociedade. Se é certo o segundo non pode ser tan verdadeiro o primeiro, e viceversa. Penso que a liña política xeral do BNG é irreprochábel e en moitas institucións foi e é exemplar e única. A nosa presenza no Congreso non creo que dea motivo de crítica lóxica, o mesmo ca no Parlamento galego e coa nosa posición como oposición. Onde pode haber luces e sombras? No noso paso pola Xunta. Hai que dicir que o bipartito foi combatido cunha falsificación como a da imposición do galego, o que revela que estamos nunha sociedade fráxil porque iso non só non era certo, senón que o que se fixo nese eido foi pouco. Nos gobernos municipais foron máis os acertos que os erros. No caso dos mellores, que non teñen parangón na Galiza, como Allariz ou Pontevedra, hai algo chamativo: o eleitorado nos comicios que non son locais non se comporta igual se son vilas ou cidades. Polo tanto hai algún elemento máis que a mera acción política local correcta para explicar os resultados do BNG nas autonómicas e as xerais. Claro que facer ben as cousas, ter unha organización forte e actuar sen complexos contribúe a avanzar. Todo pode mellorar, pero a liña política xeral do BNG non penso que sexa causa de descrédito, moito menos neste momento.

Tocou fondo o BNG?
Neste momento non hai fondos nin teitos. Os sectores da sociedade identificados cunha alternativa política son moi reducidos. Non é que a xente non teña unha ideoloxía, que a ten, senón que é tremendamente permeábel, maleábel e volátil. Esta é unha característica desta democracia decadente. Eu non son tan parvo como para pensar que non pode haber resultados electorais peores. Agora, unha forza política das mellor estruturadas do país ten instrumentos que fan que en determinados momentos críticos se poida resistir, mellor ou peor. Mais do que se trata é de podermos optimizar o noso potencial nos momentos difíciles. Isto dista moito de ser así polas nosas limitacións como organización, que cómpre reducir, e porque hai xente que estando de acordo en boa parte co BNG, abstense por estar farta ou porque cre que non hai saída; hai outra que por unha cuestión concreta non vota, e outra que por fraxilidade ou por un sentido banal da política é capaz de despistarse con cantos de serea. Mentres en Catalunya hai moita xente a prol da independencia que non é nacionalista, como consecuencia dunha experiencia negativa dentro do Estado, en Galiza hai moita xente que non quere definirse, prefire a ambigüidade, non a respeito da independencia, senón verbo da propia existencia política de Galiza como pobo. Este é o noso problema e ten que ser o noso obxectivo: existirmos como pobo con aspiracións propias. n

“Todos os poderes fácticos do país son contrarios á existencia de Galiza como pobo definido”

Te puede interesar