Conflito co veciño

Parece que unha das condicións dos seres humanos é a de viviren en conflito permanente. Así como os animais salvaxes (¿?) defenden os seus lindes territoriais, nós seguemos tamén esa norma tratando de atopar calquera escusa para entrar en liortas co veciño. E como os países están rexidos por seres humanos, pois non se podía esperar outra cousa: que tarde ou cedo o balbordo estea servido.


Co noso veciño do sur a cousa ven de lonxe. Ceuta e Melilla son exemplos de últimos retallos de colonialismo español no norte de África. Lembremos que Melilla foi conquistada polo reis Católicos, e de ai en adiante Ceuta no século XVI , Sahara Occidental e logo a aparición do “Frente Polisario” en loita pola independencia deste territorio. En resumo liortas constantes cos nosos veciños. Un episodio candente nestas relacións foi aquela “Marcha Verde” do ano 1975 a xeito de invasión “pacífica” coa que Marrocos pretendía anexionar o “Sahara español”. A ministra e vicepresidenta do Goberno manifestou que Ceuta e Melilla son españolas(sic). Pois vale, e o mesmo Gibraltar é británico ¿non si? Deixémolo aí.


Penso que esta planificada marcha á cidade de Ceuta non xurde por xeración espontánea. Como calquera escusa é boa, parece que algo tivo que ver o abeiro prestado polo goberno español ao líder polisario, Brahim Ghali , ingresado nun hospital de Logroño en estado grave, para provocar unha nova crises entre os dous países. O tema de Ceuta non foi improvisado, abofé.


Dúas monarquías “fraternalmente” amigas outra vez en conflito. Parece estaren de acordo, iso si, en que as rexias e respectivas castas manteñan os seus rexios privilexios. Mohamed VI reina nun pais sumido na pobreza cunha renda “per cápita” duns 3.000€ fronte aos aproximadamente 29.500€ de España. Así as cousas non resulta difícil organizar outro remedo de marcha verde e animar a miles de persoas pobres a entraren en Ceuta. O rei de Marrocos bastante ten con manter os seus pazos e incrementar a súa fortuna a golpe de ofrecer mala vida aos seus súbditos dando exemplo dun rei que reina e goberna... para o seu clan.

A diplomacia ten que amosar neste caso os seus máis convincentes argumentos para buscar unha solución ao conflito. Isto non se arranxa mobilizando á Lexión como desexarían algúns.


En tanto xa verán como estes días a pandemia cederá na prensa espazo a este novo pulso con Marrocos no que non vai faltar, xa está presente, certa tensión. Por suposto a oposición ao seu: a se opoñer , faltaría máis. 

Conflito co veciño

Te puede interesar