Unha única meta: contribuír á recuperación

O 2021 ten que ser o ano no que se poñan as bases para a reactivación económica e nesa tarefa debemos centrarnos todos os gobernos, no ámbito local, autonómico ou estatal. Así o entendeu o Goberno que dirixe Pedro Sánchez impulsando plans de recuperación económica ao tempo que acelera a vacinación masiva da poboación, condición imprescindible para recuperar a actividade económica.


Así o entendemos tamén no Concello da Coruña, desaparecido o estado de alarma e coa normalidade por fin no horizonte, seguimos a impulsar medidas que axuden a sectores castigados pola pandemia. 


Acabamos de aprobar a prórroga das medidas excepcionais de ocupación de solo público para facilitar á hostalería o desenvolvemento da súa actividade mantendo ás medidas de seguridade, e permitindo de forma excepcional a utilización de espazo público. Ademais a hostalería na Coruña non pagará un só euro por poñer as terrazas durante todo o ano 2021, igual que xa fixemos no ano 2020.


O ano largo da pandemia foi un ano moi complexo para as Administracións públicas, tamén para o Concello da Coruña, coa contracción económica que supuxeron as constantes e necesarias restricións e peches en combinación coas medidas postas en marcha para contribuír a aliviar a situación. Mais os problemas das Administracións non son comparables cos que tiveron e teñen que pasar moitos cidadáns, autónomos e pequenos empresarios.


A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, foi consciente desa situación desde o primeiro momento, por iso estableceu que o Concello da Coruña empregara todos os medios na súa man para facer que o impacto da pandemia fora o menor posible. Máis alá do PRESCO, un programa pioneiro nas cidades e que o ano pasado supuxo destinar 13,2 millóns de euros á reactivación económica e ao escudo social, o Goberno municipal da Coruña modificou normativas e adaptou regulamentos para acompañar aos que peor o están a pasar.


Na Coruña no 2021 o calendario fiscal volve estar aprazado para flexibilizar os pagos de taxas e impostos. O recibo do lixo adaptouse o ano pasado, e este tamén, aos días de actividade, descontando as xornadas de peche. Este ano aplícase o mesmo criterio, e tamén redúcese o recibo da auga seguindo idéntica pauta. Practicamos unha política fiscal municipal pensando en quen máis sufriu e aínda o está pasando mal.


Dende os concellos poden tomarse medidas, e o Estado pode e debe asumir o groso da maioría das decisións de alcance pero a Xunta non pode ser un convidado de pedra tendo as competencias e os recursos económicos que administra: 11.500 millóns de euros. Ningún concello en Galicia fixo tanto como ten feito o da Coruña, pero non é suficiente, é preciso que a Xunta de Galicia se implique, mobilice recursos económicos e faga uso das súas competencias. A todos nos toca arrimar o ombreiro, é imprescindible a cooperación institucional e ter altura de miras.

Unha única meta: contribuír á recuperación

Te puede interesar