lll

Recibe cada mañana las últimas noticias. REGISTRARME

Recibe las noticias desde Telegram. ÚNETE

Os galegos, unidos polo galego

Se no futuro alguén quere caracterizar estes corenta anos de autogoberno (1981-2021) terá que falar dun Novo Rexurdimento. Mentres que o primeiro foi fundamentalmente literario, o segundo abrangue todo tipo de actividades e sectores. Estes días facemos balance desas catro décadas nas que o noso país se transforma mediante unha milagre protagonizada por galegos de diferentes xeracións, unidos por un desexo común.


Comparamos dereitos e liberdades, sanidade, educación, e magnitudes económicas de todo tipo, para concluír que a nosa sociedade fixo unha revolución moi profunda, grazas a unha evolución tranquila que nos permite, entre outras cousas, afrontar unha pandemia con recursos, eficiencia e responsabilidade social. Entre todos fixemos realidade as sabias palabras de Alfonso Rodríguez Castelao: “O verdadeiro heroísmo está en transformar os desexos en realidades e as ideas en feitos”. Temos realidades e feitos.


Pera esa transformación da que falamos non é soamente material. O Novo Rexurdimento fainos tamén recuperar aspectos da nosa identidade que non son medibles en estatísticas, pero que inflúen no ánimo colectivo. A lingua ocupa un lugar capital porque é unha ferramenta de comunicación e a maneira de expresar a parte máis singular da nosa idiosincrasia. Sen a lingua galega Galicia está incompleta. Sen a lingua galega as culturas lingüísticas estarían incompletas porque no concerto que forman todas elas habería un baleiro que ninguén podería cubrir.


Fronte a moitos séculos de resistencia e supervivencia, catro décadas é un período moi curto. Convén que se teña en conta antes de facer un avaliación xusta do conseguido neste período. O galego recupera prestixio, presenza social, categoría de lingua docente, de idioma de creación e de aprendizaxe. Ningún galego é alleo ao seu idioma, aínda que quede moito camiño por percorrer. Tan errado sería conformarse afirmando que estamos nunha situación óptima como negar que o idioma acompaña á Galicia no seu desenvolvemento das últimas décadas. A pregunta é tan sinxela como a resposta. ¿Houbo outra época na historia do noso país en que a lingua galega tivera a consideración e as posibilidades que ten hoxe? A resposta ten que ser negativa.

É importante o que logramos, pero sobre todo como o logramos. Eludindo o conflito, facendo do galego unha bandeira común, conseguindo que a lingua abrira portas e non as pechara. Hai un modelo galego de crecemento económico, de prestación de servizos, un modelo galego de solidariedade e de pertenza, e tamén un modelo de convivencia lingüística baseado na inclusión. Parte da convicción de que a unidade do país é o que lle da forza. Susténtase na idea de que os galegos teñen sempre un común denominador que é o idioma porque, en definitiva, somos “un país de palabras” ao dicir de Carlos Casares.


Xela Arias, traballadora das palabras como poeta, tradutora, editora e mestra, é unha das protagonistas do Novo Rexurdimento. Aporta un zume rebelde, inconformista e innovador que todo pobo precisa para seguir avanzando. Dela quédanos non soamente unha obra que inaugura novos vieiros, senón tamén una posición vital que a convirte en exemplo.


A mellor homenaxe é lela, comprendela e así facer que “quede en nós”, tal como se dicía na conmemoración do primeiro cabodano do seu pasamento.


O pasado ano foi Carvalho Calero a figura central do Día das Letras Galegas. El e Xela Arias pertencen a xeracións diferentes e abordan dende distintos puntos de vista o traballo a prol do idioma. Ambos, porén, son partes insubstituíbles de Galicia porque o noso é un país plural no que a lingua establece vencellos irrompibles. Os galegos, en suma, estamos unidos polo galego. Da súa man continuamos polo camiño do rexurdimento, malia momentos de galerna como os que vivimos e pouco a pouco imos superando. A lingua axúdanos a transformar “desexos en realidades e ideas en feitos” 

Os galegos, unidos polo galego

Te puede interesar