O concello de Narón centraliza hoxe a meirande parte dos actos que se desenvolverán na comarca co gallo do Día das Letras Galegas. Noutros municipios, a programación para homenaxear a poeta e tradutora sarriá Xela Arias, sucesora no recoñecemento da Real Academia Galega do ferrolán Ricardo Carvalho Calero, comezou nas dúas últimas semanas e prolongarase até finais de mes, con actividades culturais e tamén educativas sobre a figura da autora de “Tigres coma cabalos”.
1 Narón, toda a actividade na Praza da Lectura
A Praza da Lectura das Vivendas da Mariña acollerá ao longo de toda a xornada de hoxe as propostas impulsadas polo Concello de Narón para celebrar o 17-M baixo o título “Con N de Narón. A festa das letras”.
Haberá actividades desde o mediodía, cos espectáculos “Aldara na montaña”, de Soraya Lema, ás 12.00 horas; “O soño dos golfiños”, do grupo homónimo, á unha; e, xa pola tarde, a obra “Carabranca”, da Compañía Eléctrica, a partir das cinco, e “Picnic”, de Pérez&Fernández, ás seis menos dez. Xa ás 18.45 horas chegará a quenda da música coa actuación “A música das buguinas” a cargo do binomio Mamá Cabra e Bellón Maceiras.
A Praza da Lectura das Vivendas da Mariña acolle teatro, música e presentacións de libros todo o día
Alén dos espectáculos, o Concello habilitará un espazo para as librarías locais Pasapáxina e Day, que vén de cumprir tres décadas en activo. Na carpa deste último establecemento haberá ata tres sinaturas de libros, as de Paula Merlán –ás doce–, Ana Meilán e Ana Varela, ás cinco e media, e para rematar, a de Antón Cortizas ás sete da tarde.
Ademais da Praza da Lectura, a Biblioteca municipal tamén se ten sumado á celebración do Día das Letras cunha exposición bibliográfica de autores homenaxeados o 17-M ao longo dos últimos dez anos. Ademais, repártense marcapáxinas conmemorativos da efeméride.
2 Gañadores do certame de poesía de Cabanas
Cabanas, un dos concellos que principiou os días pasados os actos das Letras Galegas e que continuarán os sábados de maio, reserva para hoxe unha dobre cita. Así, pola mañá anunciará os gañadores do segundo certame de poesía Carvalho Calero e, xa pola tarde, ás sete, proxectarase no salón de plenos o documental “A poeta analfabeta”, unha obra dirixida por Sonia Méndez e producida por Cosmia. Xa o vindeiro sábado, día 22, celebrarase ás sete a entrega de premios do certame poético e, para rematar, o 29 ás doce, tamén no salón de plenos do Concello, haberá contacontos ilustrado a cargo do Colectivo Polo Correo do Vento, baixo o título “Xela Arias. Liberdade, solidariedade e amor pola lingua”. Para poder asistir, cómpre reservar praza no número 981 495 959 ou no correo normalizacion@cabanas.gal.
Narón concentra ao longo da xornada a meirande parte dos actos na homenaxe á poeta sarriá Xela Arias
3 Cariño, actividade no Auditorio para a familia
Cariño programa para hoxe no Auditorio o espectáculo de narración oral e musical “O exército das paxariñas”, de Soraya Lema e Adela Dios, dirixido ao público familiar a partir dos catro anos. A entrada é de balde. Haberá máis propostas esta semana, coa obra “Cucú”, de María Faltri e Jorge Juncal, o mércores ás 12.00 horas no Punto de Atención á Infancia da vila. Para rematar, o sábado 22 ás oito Celso Sanmartín, Quico Cadaval e José Luís Gutiérrez presentarán tamén no Auditorio o espectáculo de palabras cruzadas ‘Tres vellas (polo menos)”, e os días 29 e 5 de xuño proxectaranse, respectivamente, os filmes “Ons” e “A illa das mentiras”.
4 As Pontes retoma a programación o xoves
Trala presentación de “O Pau de Ferro”, de Xosé Manuel Felpeto, o pasado sábado, o Concello das Pontes retoma o xoves a actividade cultural vencellada ao Día das Letras coa posta en escena da obra “Aibō” da Compañía Eléctrica, unha revisión de “Carapuchiña vermella”. Será na Casa Dopeso ás seis. A programación pontesa péchase o 29 coa presentación dos libros “Hortensia” e “Peixes que esvaraban ao unísono” da escritora Medos Romero.