Complícaselle a folla de ruta ao PSOE

Pedro Sánchez caeu na trampa de Díaz Ayuso, de converter a Madrid e á súa figura como alternativa ao confinamento e ao peche de actividades económicas que forman parte da vida social, como a hostaleira. E tamén das consecuencias sobre o emprego eventual, que ficou sen a protección dos ERTEs, e en moitos casos da cobertura por desemprego ou do IGV. A proposta da dirixente do PP rebaixaba a protección das persoas maiores, as máis gravemente afectadas polo virus, confrontándoas cos sectores da clase traballadora máis explotados polo sistema, e sumaba aqueles outros que por idade e condición social están menos expostos á pandemia e á crise económica. Mesmo así, o PSOE, Mas Madrid e UP, como bloque, gañaron en moitos dos barrios e “municipios obreiros”.


Os resultados de Madrid, aínda que sexa unha realidade moi especifica, sen dúbida van incidir no Estado Español (EE), mesmo que as nacionalidades históricas teñan características sociais e políticas moi particulares. A capital do Estado é o maior centro urbano, cunha enorme concentración empresarial e dos medios de comunicación. Son resultados que afectan a dous dos tres bloques políticos que confrontan alternativas no EE: dereita e centro esquerda, e moito menos ao soberanismo periférico. As primeiras enquisas reflicten que o PP e PSOE están igualados, sobe algo VOX e Mas País, e baixa UP. Unha situación que agudiza a conflitividade entre o centro e a periferia e entre as clases sociais, e polariza aínda máis o debate político. Un contexto que estreita a capacidade de manobra do PSOE, tanto polo viraxe á dereita do PP como pola desaparición de Ciudadanos, deixándolle como única opción os acordos co soberanismo. É o peor escenario posíbel para Sánchez, que non aposta polo federalismo, e conta cun forte lobby centralista e neoliberal no partido.


Semella que o Governo fia o seu futuro ao control da pandemia relaxando o confinamento, por efecto da vacinación masiva, para reactivar os servizos e o turismo, así como á chegada dos fondos europeos, para recuperar a economía e o emprego. Se cadra, véxanse os primeiros efectos desta folla de ruta a finais de ano. Claro que antes podería tomar medidas con impacto social, como a derrogación da reforma laboral e das pensións, da Lei Mordaza, e do artigo 315.3 do CP, subir impostos ás grandes fortunas e sociedades, etc. Estará disposto a confrontar co gran capital? Pode e debería facelo. Mais iso significa coller unha andaina distinta á que marca Bruxelas, e os pasos anunciados á UE non van por este camiño.

Complícaselle a folla de ruta ao PSOE

Te puede interesar