Vinte e seis autores abordan a memoria histórica de Serantes

Vinte e seis autores abordan a memoria histórica de Serantes
Llorca e Burqoa coordinan a sexta entrega da serie “Memoria Histórica” das parroquias e os barrios ferroláns | d.alexandre

Desde a Antigüidade ata os escritores que a engrandeceron ao longo das décadas, pasando por un dos símbolos da cidade, a virxe de Chamorro. O último –sexto xa– libro do proxecto de memoria histórica que coordinan Guillermo Llorca e Juan Burgoa sobre os barrios e as parroquias de Ferrol céntrase en Serantes, o concello que deixou de selo a comezos da década de 1940 para se integrar –“agregar” é o termo correcto, precisa Burgoa– no territorio da cidade naval.


Editado tamén por Embora, o volume, de 455 páxinas –o máis extenso de toda a serie, aínda inconclusa–, xa está á venda nas librarías e aborda, a través vinte e seis colaboradores e colaboradoras con cadanseu tema, a historia, o patrimonio, a economía, a socioloxía e vida cotiá de Serantes, aspecto este último que resalta Burgoa: “A historia pequena dos pobos é a base da Historia; é fundamental que a xente se identifique e se recoñeza”, subliña.


Esta nova entrega súmase ás outras cinco que se veñen publicando periodicamente desde o ano 2015. Comezou con Ferrol Vello e seguiu con Esteiro, A Magdalena, Canido e o conxunto sobre A Graña, A Cabana e San Felipe. Tres deles –os dous primeiros e este último– xa contan cunha segunda edición, mostra, explica Llorca, “do grande interese que xera non só neses lugares e na cidade en xeral, senón tamén no exterior, onde é demandado por veciños e veciñas con pasado e presente relacionado con eles”.


“A dinámica”, sinalan Llorca e Burgoa, “é a mesma sempre: unha proposta de temas e persoas acaídas desde un enfoque multidisciplinar”, é dicir, “tratar de abranguer todos os eidos do coñecemento histórico e mesmo ás veces abrindo novos camiños que non están moi presentes nese coñecemento pero que forman parte tamén da historia, neste caso de Serantes”.


Esta parroquia, como o resto, ten as súas particularidades, unha sorte de identidade que, neste caso, vén avalada e amplificada tamén polo feito de ter sido, até a década dos 40 do século XX, un concello de seu.


“Foi un concello propio, e moi amplo”, sinala Burgoa, “que desde tempo antes –falamos do século XIX– de se facer efectiva a unión xa se viñeran promovendo tentativas nesa dirección, con diferentes fórmulas que revelaban a necesidade da cidade de se expandir: integración, anexión, fusión..., ata a agregación definitiva a través da orde asinada por Serrano Súñer en 1940”. Nesa decisión, engade Llorca, tivo moito que ver a sensación que había no réxime franquista de que daquela a cidade tiña “pouca entidade –demográfica, territorial– para o a que ía ser o Ferrol co caudillo. A cidade do novo imperio non podía ser tan cativa”, asegura.


Profundizar na historia

Aínda que ámbolos dous coordinadores son historiadores e investigadores da historia local e teñen abordado nos seus traballos diferentes aspectos relacionados con Serantes, o proceso de elaboración deste sexto volume da serie supuxo tamén para eles descubrir aspectos que non coñecían ou que non foron estudados en profundidade. “Sempre buscamos temas pouco desenvolvidos”, relata Llorca, “pero ao final todos os artigos que figuran neste libro supoñen un enriquecemento. Por exemplo, por destacar só dous, o estudo sobre a escola de peritos, algo inédito, ou a celebración da Festa da Árbore, que se ben a teño tratado tanxencialmente en textos sobre o mestre Juan García Niebla, nunca antes se escribira con tal detalle no referido ao periodo que vai entre 1913 e a Guerra Civil”.


A implicación de todos os colaboradores e o apoio editorial son claves neste proxecto

Na historiografía local galega non existe un proxecto como o que están desenvolvendo, a través de perto de 130 colaboracións, os seus coordinadores. Trátase dunha iniciativa novidosa que, malia a súa magnitude, non lles está a xerar presión ningunha. “Todo o contrario”, sostén Llorca, “en primeiro lugar, por contar co apoio de Embora, pois é clave ter unha editorial detrás que o respalda, e agora tamén un apoio institucional do Concello. Son garantías para seguir adiante”. De feito, anuncia, xa está en marcha o sétimo volume, que levará por título “Ferrol fóra de portas”.


A isto súmase algo que Burgoa e Llorca consideran igual de importante: a disposición dos colaboradores. “Ninguén nos dixo nunca que non”, lembra, “e o feito de que tres das entregas teñan xa unha segunda edición revela que ten unha grande acollida e supón tamén é un aliciente e un estímulo para nós".

Vinte e seis autores abordan a memoria histórica de Serantes

Te puede interesar