Narón recoñece o traballo dos voluntarios que coseron máscaras no inicio da crise

Narón recoñece o traballo dos voluntarios que coseron máscaras no inicio da crise
Imaxe do acto, no que se lles entregou un agasallo | c.n.

O estoupido da pandemia de coronavirus, en marzo do ano pasado, colleu a medio planeta sen material de protección nin capacidade para producilo en cantidades industriais. A iniciativa e a solidariedade veciñal supliu esta carencia para proporcionar aos traballadores esenciais, que cada día arriscaban a súa saúde, cubrebocas que se foron improvisando e mellorando con distintos patróns, filtros e telas. O Concello de Narón quixo recoñecer publicamente o traballo das costureiras e dos costureiros do covid e o venres dedicoulles unha homenaxe nun acto que se celebrou no auditorio municipal.


Medio cento de mulleres e de homes acudiron á cita, na que se proxectou un vídeo de recordo e agradecemento e se lles entregou un agasallo. Lembráronse os momentos tan complicados vividos naquelas semanas e a capacidade e disposición das persoas que desinteresadamente axudaron.


“Axudástesnos nuns momentos de desconcerto que viviamos ante unha situación ante a que, afortunadamente, nunca nos viramos”, afirmou a alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro. Lembrou tamén a outros colectivos que tamén contribuíron a reducir os contaxios, incluídos os que doaron material. “Todas e todos vós formades parte da historia deste concello, do seu presente e do seu futuro, e estivestes con creces á altura do que require unha situación tan complicada”, engadiu.


Na homenaxe participaron tamén as concelleiras de Benestar Social e de Igualdade, Catalina García e Mar Gómez. A primeira subliñou as facilidades dadas por este equipo de traballadoras para a organización de cada pedido e a entrega de material e a segunda destacou a súa solidariedade ao dedicar o seu tempo libre a axudar aos demais.

Narón recoñece o traballo dos voluntarios que coseron máscaras no inicio da crise

Te puede interesar