A nosa razón forte berra

Conmemoramos de novo o Día Internacional das e dos Traballadores, un Primeiro de Maio no marco dunha gravísima crise económica, social e máis que todo laboral que, alén dos factores derivados da pandemia, fai que lembremos as circunstancias da orixe desta celebración que traen á memoria os sucesos de 1886, coa masacre de Chicago de xente obreira que viña mobilizada en manifestación na dinámica da súa folga reivindicativa dun horario de traballo de oito horas, en troques do hábito que obrigaba mesmo a nenos a facelo por períodos de até catorce diarias. A represión non concluíu niso, aínda ficaría a detención arbitraria, xuízo infame e morte por sentenza dos considerados “mártires” da causa que, malia a manobra de intentar deturpar esta historia de horror dos poderosos no sistema capitalista, remataron por facer da lembranza deste crime de clase unha cita senlleira das e dos traballadores, acadando non só o recoñecemento legal do dereito ás oito horas de traballo senón que asentaron as bases dun forme movemento político e sindical que se identifica na chamada á rebelión do himno musical da Internacional: En pé os escravos da terra, en pé os que non teñen pan; a nosa razón forte berra. Crebemos o xugo do pasado.


Un século e cuarto despois a causa operaria sigue precisando da loita, nun vaivén histórico de avances e retrocesos que, polo que respecta ao ámbito galego ou estatal, é un buraco negro que succiona boa parte da necesidade de emprego e benestar que, por xustiza histórica e social, corresponde ás e aos traballadores.


Comezando pola decepción co comportamento desleal do Goberno central que non ten dado paso algún para cumprir o seu compromiso de derrogar a reforma laboral, a da negociación colectiva, a das prestacións por desemprego e aquelas outras que supuxeron o desmantelamento dos servizos públicos que tanto botamos a faltar nos momentos de máis grande intensidade no confinamento.



Cinismo político que fai discurso contrario, adubado de diálogo social, submiso e dependente das institucións europeas que impoñen a través dos fundos económicos de rescate, políticas que van camiño de agrandar as colas do paro baixo pretexto de dixitalizar a economía. Daquela, velaí a inmoralidade dos ERE no sector financeiro, proba dese incerto e ameazador futuro, porta de aceso ao aumento do desemprego, caída dos salarios, precariedade e pobreza laboral; ao que sumar o roubo das oportunidades de traballo, emancipación e acceso á vivenda da mocidade.

A nosa razón forte berra

Te puede interesar