Fundos NexT Generation e sanidade pública

Entre os proxectos presentados pola Xunta de Galiza ao Governo central para que sexan incluídos nas achegas e créditos que serán outorgados pola Unión Europea ao Estado español, figuran programas centrados na sanidade pública que mellorarían as prestacións. Un aspecto esencial, especialmente para os centros de saúde, que están desbordados durante esta pandemia, tamén en relación con sistema obsoletos para a comunicación, tanto interna como externa, que non pode ser superado por maior que sexa a entrega do persoal sanitario. Encol deste tema coido que cómpre facer dúas consideracións.


A primeira, en relación cos fundos Next Generation, lembrando que deberan ser devoltos, os prestamos polos propios estados aos que serán concedidos, e as axudas serán financiadas con novos impostos europeos ou cun aumento dos tipos dos existentes. Non son cartos que caian do ceo. Mesmo así, que existan recursos a disposición da reconstrución é positivo, aínda que a contía sexa moi inferior á solicitada polo Parlamento Europeo, e en comparación coa que adican os Estados Unidos ou China. O outro aspecto que non se pode obviar, é que a proposta aprobada no Congreso son proxectos vinculados ás grandes empresas, e ademais ten un carácter centralizado, ignorando o Estado das Autonomías (as nacionalidades históricas). Corrixirase?


A segunda, que respecto do sistema da atención primaria en sanidade, son urxentes solucións aos atrancos e eivas existentes. Cómpre contratar máis profesionais e é prioritario volver a primar a atención presencial. Así o reivindicaban o pasado 21 de abril mobilizacións que se fixeron en todas as cidades galegas e varias vilas, convocadas SOS Sanidade Pública. Esta plataforma, na que se integran numerosos sindicatos e organizacións sociais e políticas, pedía que se normalizase a actividade nos centros de saúde, e criticaban o modelo telemático escollido que relega a atención presencial, o que está a producir un aumento das desigualdades que afecta en maior medida ás persoas maiores e ao rural. A CIG-Saúde salientaba ao respecto: “As barreiras de acceso aos Centros de Saúde e ás especialidades hospitalarias (que suspenderon consultas, probas diagnósticas e intervencións cirúrxicas ao non poder dedicarse as outras enfermidades non COVID-19), afectan á saúde da povoación e está xerando un gran malestar”.


Con seguridade estes problemas que tanto afectan á sociedade estarán presentes nas mobilizacións do Primeiro de Maio. Escoitará a Xunta e o Governo central estas reivindicacións? Sería o lóxico.

Fundos NexT Generation e sanidade pública

Te puede interesar