47 anos

|

Botei meses desexando que a situación sanitaria xeral fose mellorando significativamente para que, nesta altura de finais de abril, me permitise ir recuperando algunhas cousas, entre elas a de poder realizar algún dos desprazamentos dos que adoitaba facer antes da nefasta expansión deste virus que nos ten medio comida a moral. Non foi así -ha de ser- e un ano máis véxome impedido de acudir a Porto ou Lisboa para festexar o aniversario da chamada Revolução dos Cravos, este ano o cuadraxésimo sétimo. O ano pasado, que tampouco puido ser, tiña unha especial relevancia, xa que nese día se lle ía entregar o Premio Camões ao Chico Buarque. A, nesa altura, xa perigosa pandemia, obrigou a suspender -a primeira vez na historia- as marchas populares acompañadas do berro constante de “Fascismo nunca máis” e o excelso cantor e escritor brasileiro non puido viaxar a Lisboa. Si mandou unha mensaxe gravada -que podemos ver e escoitar nas redes-, na que, despois de sinalar que esa tarde ía deixar “na janela cravos vermelhos” e ía cantar,”em alto e bom som, “Grândola, Vila Morena”, de Zeca Afonso”, pedia “a vocês que guardem o pensamento por seus irmãos brasileiros que estão mais do que nunca necessitados de um cheirinho de alecrim”. É evidente a alusión aos versos da súa fermosa e coñecida canción “Tanto mar”, ese eloxio á liberdade -á de verdade, non a esa da que fala o PP- que en 1975 dedicara á efeméride portuguesa do ano anterior: “Lá faz primavera, pá / Cá estou doente / Manda urgentemente / Algum cheirinho de alecrim”. Sabido é que nos inícios de 1976, após os sucesos de novembro que mostraran a triste deriva do ilusionante proceso revolucionario, Chico Buarque fixo unha nova versión na que, se ben de xeito máis pesimista, seguen presentes a primavera e o romeu: “Canta a primavera, pá / Cá estou carente / Manda novamente / Algum cheirinho de alecrim”.


Evidente é tamén, no apelo ao pensamento dos irmáns portugueses, a denuncia da situación do pobo brasileiro: no 74 baixo a bota da ditadura militar e hoxe padecendo o goberno fascistoide de Bolsonaro, “mais do que nunca necessitados de um cheirinho de alecrim”. Nin que dicir ten que “Tanto mar”, estivo censurada no Brasil ata a fin da ditadura militar. Que esa era en verdade militar, como a española de Franco. Mais non a portuguesa, como escoitei dicir hai un par de días nun informativo televisivo. Pois António de Oliveira Salazar -que por certo desprezaba o Franco-, que presidiu o Consello de Ministros do Estado Novo entre 1932 e 1968, era catedrático da Universidade de Coímbra.

No propio ano 76, cando Buarque reescribiu o seu “Tanto mar”, esa inmensa poeta que foi Sophia de Mello Breyner Andresen, daba á luz o poema “Nestes últimos tempos”, que penso que, á vista do que está acontecendo por estes lares, debería levarnos a reflexión:


Nestes últimos tempos é certo a esquerda fez erros / Caiu em desmandos confusões praticou injustiças // Mas que diremos da longa tenebrosa e perita / Degradação das coisas que a direita pratica? // [...] // Nestes últimos tempos é certo a esquerda muita vez / Desfigurou as linhas do seu rosto // Mas que diremos da meticulosa eficaz expedita / Degradação da vida que a direita pratica?

A revolución torcérona, mais Portugal existe, resiste e resistirá

47 anos