Última xornada da Feira do Libro de Ferrol coa presenza doutra medida ducia de escritores

Última xornada da Feira do Libro de Ferrol coa presenza doutra medida ducia de escritores
O fotógrafo Jorge Meis asinou onte exemplares do seu libro “Ferrol” | d. a.

A praza da Constitución acolle hoxe –en horario de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 20.00 horas– a derradeira xornada dunha Feira do Libro que está a ter un importante “movemento” de obras e unha excelente resposta por parte do público, tal e como onte pola mañá salientaba o presidente da Agrupación de Libreiros de Ferrolterra, Antonio Martínez. “Estase a demostrar unha vez máis que os ferrolanos somos lectores”, comentaba. Martínez é ademais o propietario da libraría Day, unha das cinco que este ano decidiron secundar o encontro da cidade naval logo da cancelación da cita en 2020 debido á pandemia. “Tiñamos moitas ganas de volver”, di.


Salientou así mesmo o comportamento do público ante as medidas e os protocolos cos que se está a desenvolver a cita por mor da actual situación sanitaria. Unha situación que malia impedir este ano a celebración de actividades paralelas durante os días da feira, si está a permitir ao público atoparse cos escritores que estes días atopan na cidade o marco perfecto para achegar as súas novidades e asinar os seus exemplares.


Entre os que onte pasaron pola caseta dedicada exclusivamente a esta finalidade atopáronse autores locais como o fotógrafo ferrolán Jorge Meis, co seu libro “Ferrol”, da editorial Bulubú; Alberte Momán, presente coas súas obras “Non venal” e “Non marches nunca”; ou José Antonio Ponte Far, con “Escritores universais”, entre outros. Luisa López Gutiérrez, con “Mi bebé estrella” ou Luz Darriba, con “Abril” desprazáronse tamén onte ata a feira ferrolá. 

Última xornada da Feira do Libro de Ferrol coa presenza doutra medida ducia de escritores

Te puede interesar