Hans Küng, un teólogo humano

Acaba de morrer Hans Küng de nonaxenario un dos teólogos europeos máis famosos desde o Concilio Vaticano II, do que formou parte como conselleiro co compañeiro Joseph Ratzinger. que sería o papa Benedicto VI co que posteriormente racharía, e del recibiría tamén co Xoán Paulo II a condena de destitución da cátedra de teoloxía. Non é de estrañar: que o xornalista Juan Arias lle chame o teólogo rebelde e nos achegaría del entrevistas moi interesantes como dous amigos que falaban dun cristianismo liberador e humano, non doutro mundo, senón deste, do Fillo do Home, Xesús de Nazaret; que Juan José Tamayo o cualifique como conciencia crítica do catolicismo romano; que para Jesús Bastante foi un dos teólogos más importantes que chegou a cuestionar a Igrexa; e que para o noso teólogo, Torres Queiruga, Hans Küng tivo que rachar con moitos moldes, que evanxelicamente dicimos moitos pelexos vellos.


O fundamento desta posición foi precisamente a crítica da infalibilidade do Papa. Hai que ter en conta o contexto no que foi proclamado este dogma da Infalibilidade do Papa. Para isto o papa Pío IX convocou a un concilio, que se celebrou nun ambiente bélico franco-prusiano e o Papa estaba a perder os Estados Pontificios; de ser un poderoso potentado foi reducido a un minúsculo xefe do Estado Vaticano. En desquite na cuarta e última sesión do Concilio Vaticano I, en 1870, declarou a constitución da Infalibilidade do Papa, co dogma “Pastor Aeternus”, e así contrarrestaba a perda do poder físico co poder da Teocracia. Tema que Küng desenrolou como prerrogativa totalmente incorrecta sen base nin nas Sagradas Escrituras nin na Tradición. Causa suficiente para que Xoán Paulo II lle suprimira o ensino da Teoloxía nas aulas da Universidade.


Mais os estudos deste teólogo non só non se reduciron senón que sobrepasaron as aulas e os límites da Universidade e chegaron ao amplo mundo católico, protestante, crente e non crente. Traballou en moitos temas da Igrexa para facela máis críbel e máis humana; Promoveu o fin do celibato obrigatorio do clero, a ordenación da muller na Igrexa, o ecumenismo e diálogo efectivo entre as relixións. A súa bibliografía acadou lectores de moitas linguas. Na miña libraría atopo a 3ª edición de “Ser Cristiano”, “Existe Dios”, “Teología para la posmodernidad”, “La Libertad Conquistada. Memorias”. Mais o libro, do que vou facer unha pequena recensión, que me engadou dunha forma especial foi “Proyecto de una Ética Mundial”. Aquí entran as relixións, que despois de facerlles a crítica necesaria do seu decorrer ao traveso da historia, a súa actuación, emporiso, pode ser instrumento de liberación, de orientación ao futuro e de fraternidade; poden estender a confianza na vida, a magnanimidade, a tolerancia, a solidariedade, a creatividade e o compromiso social; poden crear a renovación espiritual, as reformas sociais e a paz mundial. Fala da “regra de ouro”, en forma negativa: “O que non desexas para ti, non llo fagas aos demais” (Confucio e Judaísmo); en forma positiva: “Todo cuanto queirades que vos fagan, facédellelo vós” (Evanxeo). Expón o mesmo imperativo categórico do filósofo alemán, Kant, que seculariza a regra de ouro: “Actúa de tal maneira que a máxima da túa vontade poida servir en todo momento de principio dunha lexislación xeral”. Despois de analizar polo miúdo os movementos sociais, políticos e relixiosos conclúe coa tese: “No hay paz mundial sin paz religiosa”.


Fai unha chamada a todas as persoas, á política, á economía, á ciencia e ás relixións. Imposíbel unha convivencia humana sen unha ética planetaria; imposíbel a paz entre as nacións sen unha paz entre as relixións; imposíbel a paz entre as relixións sen un diálogo entre elas.

Deixarei para outra colaboración a análise que fai de España, no libro Libertad Conquistada, Memorias, desde 1957, cando viñera estudar español, até 2003 facendo referencia á nosa Memoria Histórica.


A súa separación do Vaticano ficou. O papa Francisco acolle a Hans Küng como irmán. No xornal El País 26 de abril 2016 aparece Mi llamada al papa Francisco, que xa fora publicado o 9 de marzo en varios xornais de outros países, pedíndolle un debate aberto sobre a infalibilidade. O 20 de marzo recibe a resposta persoal do Papa. A carta en español está encabezada con “lieber Mitbruder” (“querido hermano Hans”). Hans Küng axiña responde: “Alegroume moito recibir unha resposta persoal do papa Francisco”. Sumamente agradecido engade: “Este é o novo espírito que sempre esperei do Maxisterio. Estou convencido de que por fin, tamén o dogma da infalibilidade hase poder debater con espírito libre, aberto e sen prexuízos”.


Coa enfermidade do parkinson foise deteriorando. E segundo di o xornal dixital: religión digital, “O Papa bendiciuno antes de morrer: “sentiuse en paz coa Igrexa e con Francisco”.

Hans Küng, un teólogo humano

Te puede interesar