Carvalho Calero en Fonseca

|

Onte achegueime ao Salón Nobre do Pazo Fonseca -sede da reitoría da Universidade de Santiago- ao que, sen dúbida, foi o acto institucional que lle puxo o ramo ao ano de Letras Galegas dedicado á egrexia figura de don Ricardo Carvalho Calero. As pandemias adoitan traer cousas destas e, por desgraza, cousas ben peores. Había ben tempo que non pisaba as pedras da cidade -teño ido algunha vez á Cidade da Cultura- e máis aínda que non entraba en recintos da Universidade compostelá, a miña alma mater. O acto, presidido polo Sr. Reitor Magnífico -gustei moito, por certo, das súas intervencións-, non puido ser todo o masivo que o profesor ferrolán merecería, mais, cumprindo con escrupuloso respecto as medidas de seguridade que a situación impón, o recinto académico puido acoller ao redor de tres ducias de persoas, entre elas dous exrectores, o que fala ás claras do prestixio do doutor Carvalho. Ademais da máxima autoridade académica interviñeron no acto os doutores Francisco Cidrás -director do Departamento de Filoloxía Galega e coordinador do volume Ricardo Carvalho Calero, as formas do compromiso- e Carmen Blanco, alumna e amiga que foi do escritor, na infancia e na mocidade, como manifestou. Dúas magníficas disertacións que retrataron a grandeza da personaxe.

Carvalho Calero en Fonseca