As lanchas

É unha mágoa que xa non haxa na ría transporte de viaxeiros. O vídeo non chegou a matar á estrela da radio pero os coches si remataron coa estrela da lancha: isto e algunha cousa máis.


As lanchas eran o cordón umbilical que unía Mugardos con Ferrol e viceversa amen doutras localidades da ría. Era un fluír constante de xente que dependía das embarcacións “La Villa”, “La Marina” “La General” e “La Grande” para acudir ao traballo uns e á clase outros, nunha trasfega constante con saída dos barcos ás horas de Mugardos e as medias de Ferrol. As tripulacións: patrón e o mariñeiro encargado de amarrar e desamarrar coñecían practicamente a todos os pasaxeiros e era frecuente que esperasen por algún despistado que chegaba tarde. ¡Esperade que aí ven Xulio correndo! ( Xulio ea o meu tío que sempre embarcaba cando a lancha estaba desatracando).


Eu recordo ir abordo nas lanchas de vapor, a Juan “O Rubio” botando cunha pala carbón na caldeira e a “Nito” “Pedro” “Manolo” e “Germán”, os patróns, dar ordes mediante un aparello consistente nun embude cunha mangueira que chegaba á “sala de máquinas”: ¡Dálle atrás! ¡para! ¡un pau avante! e cando a lancha xa estaba avante “O Rubio”, sempre en zapatillas, no inverno, sentábase ao abeiro da caldeira e púñase a ler unha novela de vaqueiros aquelas de Marcial Lafuente Estefanía ás que era moi afeccionado.


Logo as lanchas de caldeira de vapor deixaron paso ás de motor de explosión cuxo mantemento corría a cargo do señor Alfonso que veu a Mugardos coa súa familia contratado para tal fin.


Nas horas punta, as lanchas ían ateigadas de xente e os raparigos tíñamos a deferencia cos maiores de deixarlles o asento cando ían de pe: á xente maior de idade e as embarazadas. Era algo que nos ensinaban na casa e nós púñamos en practica como algo moi normal cada vez que tíñamos ocasión.


Era frecuente que algún dos patróns nos deixase ire na ponte e coller a roda do temón e iso para nós era como se no desen licencia de mariñeiros. Na ponte había un característico arrecendo a humidade mesturada coa graxa da cadea do temón que se acentuaba polo tamaño pequeno do habitáculo . Nos días ventosos e fríos do inverno ía coa porta pechada e a chuvia nos cristais facía case invisible o que había por diante.


Logo eu, enfundado nunha gabardina “Diluvio” made in Mugardos atravesaba Ferrol case correndo para chegar puntual á clase no instituto. Imaxes vívidas gravadas na memoria que agora lembro con nostalxia. ¡Pasou xa tanto tempo!

As lanchas

Te puede interesar