Mirando atrás

Non son da xente que adoita mirar diariamente as esquelas dos xornais, mais tampouco da que as pasa correndo como se estivesen gafadas. Míroas con relativa frecuencia e sempre me entero de cousas, ademais de saber da morte das persoas que se citan nelas. Nestes días pasados apareceu a de María Delsidia Vázquez Estévez (Sisa de “La Traída”), que, segundo se indicaba, tiña 85 anos. Chamoume a atención porque, aínda que sabía que era maior ca min, non pensaba que me levase tanto tempo. 


Verdade é que había moito que non sabía dela, pois a Traída, o popular bar -ao pé do tamén desaparecido Cine París- que tantos anos rexentou coa irmá Mari Carmen, hai anos abondos que botou o peche. 


Quedoume ese recordo das dúas irmás, sempre impecablemente preparadas, falando coa clientela sen parar de poñer tazas de ribeiro, quintos e tapas, ou racións, de ben ricas empanadas e de esquisito queixo de Arzúa, que non me cadra coa idade reflectida pola esquela. Mais o tempo pasa sen remedio. A Traída, como Casa Enrique, a cervexaría da Estrella, o Mesón el Toro, a Taberna de Manolo, Casa Ponte, Os Belés, o Café Bar Sao Paulo, o Delicias..., foi lugar que alegrou moitas horas da miña vida coruñesa. Mágoa que uns cantos,como agora Sisa, xa desapareceron.

Mirando atrás

Te puede interesar